O conselleiro de Política Social, Rey Varela, acompañado da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, participou hoxe na xornada organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) con motivo da programación conmemorativa do Día Nacional do Dano Cerebral, que foi onte, e do Día Mundial do Ictus, que será o vindeiro domingo. Ademais, durante este encontro fíxose entrega á xornalista María Escario do V Premio Fegadace-Miguel Blanco, pola súa valentía á hora de afrontar publicamente o ictus.
Na súa intervención, Rey Varela puxo en valor, unha vez máis, o labor que realiza esta federación e as entidades que a integran na defensa dos intereses e en favor da mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias. Nesta liña, reiterou o compromiso do Goberno galego de “seguir incrementando o apoio a estas persoas na procura de achegar solucións que contribúan a normalizar a súa situación na sociedade”.
O conselleiro aproveitou a celebración desta xornada para anunciar un novo incremento do 5% no convenio de colaboración que a Xunta mantén con Fegadace, de tal xeito que en 2018 superará os 222.000 euros. Así mesmo, avanzou que a Xunta continuará o vindeiro exercicio aumentando o número de prazas para a atención de persoas con discapacidade, para o que hai reservada consignación económica nos novos orzamentos autonómicos.
O responsable da área social do Goberno galego enmarcou estas melloras no ámbito da atención á discapacidade no novo impulso as políticas sociais que se reflicte nos orzamentos da Xunta para 2018, nos que as contas da Consellería medran un 9% ata situarse en máis de 700 millóns de euros.
Por último, Rey Varela subliñou a importancia de xornadas como esta para “dar visibilidade e concienciar á sociedade sobre o dano cerebral e a necesidade de continuar avanzando na normalización da situación das persoas afectadas”.