A Coruña.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou o traballo que está a realizar a fábrica de Coca-Cola na Coruña para reducir a pegada ambiental e fomentar a economía circular. Así o fixo durante a visita que realizou hoxe ás instalacións desta entidade, onde puido coñecer a estratexia e o compromiso desta fábrica co medio ambiente e a sostibilidade, e que se centra en catro aspectos: a auga, os envases, o clima e a agricultura sostible.
Nun encontro que mantivo con responsables de sostibilidade da compañía, valorou o esforzo da empresa por conquerir o obxectivo de reciclar o 100% dos envases que se poñen en circulación, é dicir, garantir ao máximo a vida útil dunha materia prima, un dos piares da economía circular no que estamos a traballar desde a Xunta, aclarou Mato Otero, e por minimizar ao máximo o impacto das súas actividades sobre a auga. Tamén salientou o traballo por ser cada día unha entidade máis ecolóxica, a través de iniciativas como a distribución de mobiliario máis sostible para a hostalería.