Ribadavia (Ourense).- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou hoxe ao mediodía no Pazo dos Ulloa en Esposende, en Ribadavia, no acto de entrega dos XI Premios Bacelos de Prata á queixería lalinense ‘Hoxe’ e á adega de Castrelo de Miño ‘O Alborexar’. Os galardóns, convocados pola Asociación Álvaro das Casas, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, distingue desde o ano 2004 aquelas empresas que apostan polo galego na etiquetaxe dos seus produtos.
O responsable de Política Lingüística presentou as dúas empresas galardoadas como “a mostra máis clara do que a Xunta de Galicia defende a través do Plan de dinamización do galego no tecido económico: o valor da nosa lingua propia como marca de calidade e garantía de éxito empresarial”. “Unha adega de xente nova que aposta pola vitalidade do rural e polo mimo na elaboración e na presentación dun produto con denominación de orixe Ribeiro e unha queixería cuxa opción pola calidade e pola difusión publicitaria en galego a fixo presente tanto no pequeno comercio coma nas grandes áreas son a mellor carta de presentación para un idioma que o consumidor percibe cada día máis como mostra de autenticidade”, engadiu García Gómez.
Na presidencia do acto de entrega de premios o secretario xeral estivo acompañado polo alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez; polo presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares; polo presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro, e pola secretaria do xurado e da mesma asociación, Carme Pérez Vaquero.
Plan de dinamización do galego no tecido económico
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove ou colabora en diversas iniciativas que, coma estes Premios Bacelos de Prata, incentivan e visibilizan o uso do galego no tecido empresarial. As súas accións neste eido enmárcanse no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, que lles dá coherencia e intensifica, deste xeito, a súa eficacia.
Os obxectivos deste plan, emanado do Plan xeral de dinamización da lingua galega, son crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.