A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co conselleiro delegado do grupo Lactalis, Aurelio Antuña. Na xuntanza, na que tamén participaron outros directivos do grupo, avaliouse a importancia desta compañía no sector lácteo galego, xa que é unha das que máis leite recolle na nosa comunidade. Así, segundo datos achegados polos seus responsables, Lactalis procesa arredor de 500 millóns de litros ao ano de máis de 1.700 gandeiros directos e cooperativas de Galicia.
Este grupo dispón de dúas fábricas en Galicia, ambas na provincia de Lugo, mais concretamente en Vilalba e Nadela e, segundo explicaron os seus responsables á conselleira, ten entre as súas prioridades a calidade do leite e a mellora no asesoramento dos gandeiros. En total, a compañía emprega a máis de 350 persoas da nosa comunidade.
Ademais, o grupo Lactalis está a intensificar a súa actividade no eido do leite ecolóxico, con especial incidencia en Galicia. O obxectivo da compañía é duplicar a recollida para alcanzar os 20 millóns de litros en 2020, dos cales o 70% será no noso territorio, onde a compañía traballa con máis de 50 gandeiros.
A reunión de traballo, celebrada en San Caetano, serviu para analizar todos estes datos e tamén como presentación diante da titular de Medio Rural do novo conselleiro delegado da compañía, que vén de asumir esta responsabilidade. A conselleira e o directivo coincidiron en valorar a importancia de Galicia como referente do sector lácteo nacional e tamén o compromiso de Lactalis co desenvolvemento deste eido produtivo estratéxico para a nosa comunidade.