O cambio respondería a unha
reivindicación que viñan facendo as universidades nos últimos anos, segundo
reza o comunicado da Consellaría de Educación. Porén, nada se di nese
comunicado da opinión do profesorado do ensino non universitario, das
organizacións sindicais que o representan, das ANPAS, do estudantado, dos
Movementos de Renovación Pedagóxica, ou, precisamente por englobar a todos
estes colectivos, do Consello Escolar de Galiza, un órgano consultivo ao que a
Consellaría prefire non consultar.
Vemos, por tanto, como o calendario
escolar imposto coa aplicación do Plan Boloña nos estudos superiores condiciona
o calendario do ensino secundario sen un contraste nin da experiencia da súa
aplicación na Universidade nin que sexa escoitada a comunidade escolar,
anunciando xa o cambio para a selectividade de 2019, deixando a deste curso
como última que se fará en setembro.
É obvio que existe unha disfunción
actualmente entre o inicio de curso na universidade e as probas de setembro da
ABAU ao que lle había que buscar unha solución. A cuestión é se as únicas voces
a escoitar deben ser da CIUG ou de representantes das universidades, foros onde
nin sequera existe unha posición clara ao respecto do calendario derivado do
Plan Boloña.
Lamentamos, en todo caso, que a
Consellaría vire de novo as costas ao profesorado galego ao tomar decisións que
nos afectan laboralmente sen escoitar previamente o seu parecer na Mesa
Sectorial e no Consello Escolar de Galiza. Entendemos que sería máis
intelixente establecer un debate sosegado e real sobre todo o calendario
escolar galego, pero o Partido Popular volve actuar con feitos consumados. Quen
enche o peito falando de pactos educativos e de supostos consensos prefire, na
hora da verdade, actuar por libre nun tema controvertido e no que ademais se
pon de manifesto un choque de modelos educativos e de avaliación. En plena
aplicación da LOMCE, cunhas reválidas derrotadas mais cun espírito vivo que
entende a educación como unha carreira de obstáculos e que renega na práctica
da avaliación continua fronte aos exames externos e o control do profesorado,
agora impón un calendario da ABAU no que se reduce ao máximo o tempo entre
probas de avaliación, algo que cobra maior importancia se temos en conta que
este cambio implicará tamén que os exames de setembro para alumnado con
materias suspensas se trasladarán tamén a finais de xuño ou principios de
xullo.
Desde a CIG Ensino denunciamos unha
vez máis a política ausente de negociación e contraste da Consellaría de
Educación. Departamento de comunicación