O portavoz
do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da
Xunta de ter provocado o abandono do rural cunhas políticas “de resultados
desastrosos”. Na sesión de control ao presidente, reclamoulle “apuntarse ao
pragmatismo” e proceder a reforzar o Banco de Terras e reformar as Sofor para
dotarse de instrumentos eficaces.
O
responsable socialista reclamoulle a Feijóo “rectificar” nas súas políticas co
medio rural para garantir unha intervención pública que “corrixa aquelo que o
mercado non está facendo ben”. Reclamou “un futuro para a actividade
agrogandeira e forestal, procurar unhas condicións de vida dignas para as
persoas que viven no rural na busca dun territorio vivo que é a mellor
protección contra o lume”.
Os
socialistas galegos propuxeron hoxe reforzar o Banco de Terras de Galicia
–Bantegal- con persoal e medios logo do seu desmantelamento polo presidente da
Xunta. Este instrumento, dixo, resulta “imprescindible” como intermediario para
a compra – venda de explotacións, a mobilización produtiva dos montes veciñais
e fincas privadas abandonadas, prestar apoio aos proxectos solventes que
precisen terras.
Advertiu que
a súa xestión por parte do goberno de Feijóo provocou o colapso dun instrumento
eficaz, ata que en maio de 2016 só houbera 978 hectáreas cedidas
voluntariamente, co que só estaban arrendadas un 8 por cento das fincas, a
metade das que había en 2009. Puntualizou que “cando as fincas son boas hai
demanda, e podería funcionar se houbera atención e incentivos”.
Propuxo
tamén reformar as fracasadas Sociedades de Fomento Forestal –Sofor-, que
viñeron substituír ás Unidades de Xestión Forestal –Uxfor-, co que substituíu
un instrumento de intervención adecuado por outro “fracasado”, como evidencia
que en 6 anos só se constituíran 5. Propuxo así “complementalas con
instrumentos flexibles con apoio público, agrupando parcelas para unha xestión
conxunta racional e multifuncional”.
Fernández
Leiceaga criticou a política “de impostos 0” no rural cando “colaboran co señor
Montoro para que tributen as cesións dos dereitos de cultivo como incrementos
patrimoniais” e cargar de impostos aos propietarios, mentres as axudas
“quédanse en calderilla” e desmantelan o Fondo Galego de Garantía Agraria
–Foga-.
Regresión do
rural
O portavoz
do Grupo Socialista acusou ao presidente da Xunta de “presumir de que esta vai
ser a Lexislatura do rural” cando en realidade “debera ser proclamado o
presidente da regresión do rural”. Explicou que “por cada 5 persoas que vivían
do agro cando vostede chegou á presidencia hoxe só quedan 3”, e dos 117.000
traballadores no medio rural rexistrados pola EPA en 2008, no último dato feito
público só chegan a 70.000.
Sinalou que
“Galicia ten un grave problema de estruturas agrarias e forestais, con
consecuencias dramáticas, como vimos coa vaga de lumes”. Explicou que hoxe hai
“menos de 70.000 explotacións, pero 1,6 millóns de propietarios rurais e 11
millóns de parcelas, e 600.000 propietarios forestais e 6 millóns de parcelas”.
Apuntou que
“coa caída do número de produtores agrarios cada vez hai máis terra dispoñible,
hai sitio para todo tipo de producións, e ao tempo as explotacións son aínda
pequenas e dependentes do exterior”. As políticas fracasadas do goberno galego
provocan que “hai terra dispoñible, hai necesidades de terra pero aínda así
predomina o abandono”. Departamento de comunicación