Quen participamos na negociación colectiva en Galicia asistimos a unha contradición cada vez máis difícil de entender. Atopámonos nun dos momentos económicos máis favorables das últimas décadas, con niveis de emprego récord e coa inmensa maioría dos sectores rexistrando resultados empresariais en máximos históricos. Mais todo isto non se traduce en melloras laborais nas mesas de negociación colectiva.
Comprobámolo en diferentes ámbitos: a negociación do convenio de hostalaría da Coruña leva practicamente un ano bloqueada; o convenio de alimentación da provincia da Coruña acumula meses de negociación sen avances suficientes; os convenios do comercio do metal de Pontevedra e Lugo tampouco dan progresado e do convenio do comercio da alimentación de Lugo nin se sabe nin se agarda.
A pregunta é inevitable: por que cando a economía progresa parece máis difícil negociar melloras para as persoas traballadoras?
Durante anos apelouse á crise económica, á pandemia, á inflación ou á incerteza internacional para xustificar a contención salarial e a moderación nas reivindicacións laborais. As persoas traballadoras asumiron sacrificios en momentos difíciles, co obxectivo de preservar o emprego e garantir a viabilidade das empresas. Porén, cando os resultados son favorables, os argumentos parecen seguir sendo os mesmos.
As melloras salariais considéranse excesivas, as reducións de xornada inviables e as medidas de conciliación difíciles de asumir. Dá a impresión de que sempre existe unha razón para aprazar a repartición dos beneficios que, con todo, si se están a xerar.
Resulta especialmente rechamante porque poucas veces se escoitou as empresas referirse tanto á importancia do factor humano. Fálase de talento, de compromiso, de responsabilidade social e de benestar laboral; porén, todo este discurso desaparece das mesas de negociación colectiva, onde as empresas falan de absentismo, pero non da súa orixe; falan da falta de persoas para traballar, pero non das condicións laborais que ofertan.
Hai que lembrarlles ás patronais que os supermercados non erguen as súas persianas sós; os hoteis, cafeterías e restaurantes non funcionan unicamente grazas a investimentos ou estratexias empresariais. Detrás de cada resultado económico hai miles de persoas que sosteñen a actividade cada día e que son as que xeran a riqueza que logo reflicten as contas de resultados. E custa entender que, precisamente nun contexto económico favorable, algunhas patronais manteñan posicións máis conservadoras ca as que sostiveron en etapas moito máis complicadas.
E esta actitude ten consecuencias. A principal é o aumento da conflitividade laboral que estamos a ver en Galicia. Con frecuencia téntase presentar as mobilizacións e as folgas como a orixe do problema, pero a realidade é outra. As folgas non son a causa do conflito, son a consecuencia de negociacións bloqueadas durante meses, de propostas insuficientes e da falta de vontade para alcanzar acordos equilibrados.
Iso é precisamente o que está a ocorrer no sector da alimentación da provincia da Coruña. Logo de meses de negociación sen avances significativos en materias fundamentais como os salarios, a xornada ou as condicións laborais, as organizacións sindicais convocaron folga entre os días 21 e 24 de xuño.
Desde CCOO Servizos sempre defendemos o binomio negociación-conflito; cremos que a negociación colectiva debe ser o instrumento principal para mellorar as condicións laborais e lograr acordos que beneficien tanto as persoas traballadoras coma as empresas. A mobilización é unha vía lexítima, pero debe servir para desbloquear a negociación, non para substituíla. Porén, cando as patronais converten o inmobilismo en estratexia, terminan debilitando precisamente o espazo do acordo. Cando as mesas de negociación deixan de ofrecer resultados, moitas persoas traballadoras conclúen que unicamente mediante a presión e o conflito é posible avanzar.
E aí aparece un paradoxo que as patronais deberían analizar con atención: as súas propias posicións favorecen a quen defende o conflito como primeira opción sindical. Canto máis se bloquea a negociación, máis difícil resulta explicarlles aos cadros de persoal que o acordo segue a ser o mellor camiño. Quen di defender o diálogo social debería ser o primeiro interesado en que as mesas funcionen e produzan resultados.
E iso debería preocuparnos a todos. Galicia ten por diante importantes desafíos: atraer talento, afrontar o envellecemento demográfico, mellorar a produtividade e adaptarse ás transformacións tecnolóxicas. Ningún deses retos poderá afrontarse con éxito se as relacións laborais se constrúen sobre o bloqueo permanente.
As persoas traballadoras non reclaman privilexios: reclaman participar de xeito xusto na riqueza que contribúen a xerar, reclaman que os bos resultados económicos se traduzan tamén en mellores salarios, mellores condicións de traballo e unha maior calidade de vida.
Por iso a pregunta segue sendo pertinente: que está a pasar coas patronais en Galicia?
Porque se as empresas agardan que os cadros de persoal compartan os esforzos nos momentos difíciles, tamén deben estar dispostas a compartir os beneficios cando chegan os bos tempos. Se a conflitividade laboral está a aumentar, quizais algunhas patronais deberían empezar a buscar as causas dese malestar nas súas propias posicións negociadoras. Iván Cordeiro Fernández-Noriega / Secretario xeral da Federación de Servizos de Comisións Obreiras (CCOO-Servizos)
Cartas al Director