O secretario
xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou hoxe que o presidente da Xunta
limite a súa crítica contra o cupo vasco a “os medios de comunicación” e
desafíao a poñela “enriba da mesa de Rajoy”. Así o dixo durante a visita a
Galicia do secretario de Xustiza, Liberdade e Novos Dereitos do PSOE, Andrés
Perelló, quen lle reclamou ao presidente galego que leve as súas protestas á
Moncloa.
Gonzalo
Caballero transmitiu a súa “sorpresa” polas queixas públicas do presidente da
Xunta, cando “é Rajoy quen ten a obriga de presentar un novo modelo de
financiamento cando está demostrado que xa non funciona”. Acusou a Feijóo de
“incumprir o seu deber de plantexar un modelo de financiamento pensado por e
para os galegos específicamente”.
Reclamou “unha
nova etapa presidida pola xustiza, solidariedade e a igualdade de trato”, e que
atenda ás especificidades de Galicia, con especial incidencia no avellentamento
e a dispersión poboacional. Sinalou que “o cupo vasco é relevante, pero é
necesario enmarcalo nun modelo xeral” que atenda ás necesidades de todo o
territorio e, dixo, “se non son capaces de presentalo, que nos deixen
configurar un modelo alternativo dende a esquerda”.
Andrés Perelló
O secretario de
Xustiza do PSOE dixo que as críticas ao acordo para o cupo vasco “toca fondo
por non garantir a igualdade, a suficiencia e a transparencia”, optando pola
“opacidade” e abordalo antes de poñer enriba da mesa un modelo de financiamento
alternativo, que “é o que tiña que ter feito Rajoy”.
O responsable
socialista pechou hoxe dúas xornadas de traballo na súa visita a Galicia para
coordinar a liña de actuación relacionada coa xustiza, os novos dereitos e
liberdades entre as direccións galega e madrileña con, dixo, “perfecta
conexión” entre os modelos que representan Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero.
Apelou á “nova
etapa” que se ten aberto logo das eleccións primarias tanto a nivel estatal
como galego, e as políticas progresistas representadas polo PSOE, radicalmente
opostas ás políticas da dereita de Rajoy e Feijóo. A actuación do PP nos
gobernos central e autonómico, dixo, está detrás da “terrible desigualdade”
xerada durante os últimos anos, así como do “dano” provocado na credibilidade e
a economía estatal logo do rescate bancario que custou 40.000 euros.
Lembrou que hoxe
España está gobernada polo “único partido da UE procesado por corrupción”, ata
o punto de que o seu presidente tivo que declarar diante da xustiza por este
motivo. Un presidente, engadiu, que “non entende a pluralidade de España”, o
que ten ocasionado “o desastre da política territorial” evidenciado en Cataluña
e, agora, no conflito xerado polo financiamento autonómico.
Fundación Franco
Gonzalo
Caballero adiantou hoxe a proposta socialista de abrir “un novo escenario e un
novo marco que permita poñer fin ás fundacións que teñen como finalidade
promover a ditadores ou dirixentes que restrinxiron liberdades políticas e
económicas, sinaladamente facemos referencia á Fundación Franco”.
O secretario de
Xustiza, Andrés Perelló, afondou neste aspecto abrindo a porta a unha proposta
de reforma da Lei de Memoria Histórica en profundidade para equiparar España
con lexislacións do entorno europeo como Alemaña. Sinalou que mentres naquel
país o enaltecemento do nazismo “está tipificado no código penal”, en España
“non só non está tipificado o enaltecemento do franquismo, senón que
financiamos con diñeiro público a quen o enaltece”.
Aludiu así á
Fundación Franco, unha entidade que está a ser a encargada de xestionar as
polémicas visitas do público ao Pazo de Meirás, declarado Ben de Interese
Cultural. Reclamou a “prohibición de constitución de fundacións ou daquelas que
estean constituídas, cando teñan como finalidade enaltecer a memoria da
sinistra ditadura que viviu España ou de figuras fascistas”.
Explicou que “a
democracia pode soportar calquera cousa, agás financiar a aqueles que queren
acabar con ela”. Perelló introduciu esta reforma no “marco de novos dereitos e
liberdades” proposto polos socialistas, que presentou estes días en Galicia e
que inclúen a morte digna ou introducir a transparencia como elemento de
control xudicial da contratación con bancos e empresas fronte ás cláusulas que
levaron ao engano e empobrecemento de familias e estar a nivel UE.
Plantexou “un
novo marco político para o século XXI, conscientes que mais alá de crise
económica, vivimos a caída dunha época que obriga a dar respostas dende a
esquerda e alternativa a unha dereita política egoísta, cicatera e cun sentido
patrimonialista e privativo da administración pública e da defensa dos
intereses dos seus, que soin os grandes poderes e as elites financeiras”. Departamento de comunicación