A Coruña.- O equipo de
investigación da Universidade da Coruña formado por María Antonia Señarís, que
lidera o proxecto, Juan Manuel Bermúdez, Manuel Sánchez, Socorro
Castro, Jorge José López e Ramón Pedro Artiaga, recollerán o mércores 24 o Premio de Investigación concedido pola Real Academia Galega de
Ciencias polo seu innovador método de refrixeración baseado en novos materiais
sólidos “Novo frío” que abre novas vías para a refrixeración doméstica e
industrial.
O equipo
multidisciplinar está formado por químicos (Facultade de Ciencias, Campus da
Zapateira) e enxeñeiros da UDC (Escola Politécnica Superior, Campus de Ferrol)
procedentes do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e dos
departamentos de Química e Enxeñaría Naval e Industrial. Ao acto, que terá
lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela ás 19: 00 horas, asistirá tamén
o reitor da UDC, Julio Abalde.
A refrixeración
mediante fluídos supón hoxe máis do 20% do consumo enerxético mundial, a súa
eficiencia é moi mellorable e, ademais, a maioría emprega fluídos perigosos,
tóxicos e contaminantes, como os gases de efecto invernadoiro. Os investigadores da UDC botan man de materiais
sólidos innovadores para presentar a súa alternativa de tecnoloxía de
refrixeración máis económica, sustentable e enerxeticamente eficiente. A súa
elección é unha perovskita de manganeso con compoñentes inorgánicos e orgánicos
que pertence a unha nova familia de materiais híbridos con pouco mais de vinte
anos de vida.
Esta perovskita, que xa se fixo famosa como materia prima de
células solares de baixo custo e alta eficiencia, proponse por primeira vez
como fonte de materias refrixerantes. Ademais, os investigadores aseguran que o
seu descubrimento permite identificar propiedades que se poden atopar noutros
materiais híbridos da mesma familia, polo que se podería ampliar o abano de
posibilidades. A clave está en conseguir neles o efecto refrixerante mediante a
aplicación de presións moderadas, coa vantaxe de substituír os gases perigosos
e contaminantes por materiais sólidos máis compactos, económicos, ecolóxicos e
enerxeticamente eficientes.
A investigadora da
Universidade de Santiago de Compostela María Aymerich, do departamento de
Física Aplicada, recibirá o premio na categoría de investigadores novos por un
método de fabricación capaz de replicar vasos sanguíneos artificiais co
obxectivo de simular e analizar enfermidades cardiovasculares e tumorais en
laboratorio. Departamento de comunicación