O presidente da Xunta, Núñez Feijóo,
apelou hoxe á política reflexiva, capaz de aparcar as siglas e disposta a
antepoñer as solucións colectivas a todo para afrontar as materias pendentes
con unidade, con xenerosidade e con vontade de acordo, referíndose ao asunto
catalán, ao financiamento autonómico, á posible reforma da Constitución, á
viabilidade do sistema público sanitario e ao futuro das pensións.
Durante a súa intervención como relator no
Almorzo Informativo de Europa Press, Feijóo expresou o seu convencemento de que
se temos esta capacidade, os problemas poderán solucionarse agora. “Se non,
fronte aos malos augurios, dígolles que se resolverán tamén, pero máis adiante
e con outros representantes públicos”, sentenciou.
O responsable do Goberno galego avogou así por
valorar todo o que se fixo ben en España para facer fronte a unha nova lenda
negra que algúns se empeñan en reactivar; fabricada por quen se esforza en
destruír a unidade do país ou en cubrir de oprobio a Transición: “Recordar que
España fixo unha Transición política exemplar. Non perfecta, seguro, pero útil
e virtuosa para os que hoxe desfrutamos dos seus efectos. Recordar todo o que
se fixo ben nestas décadas prodixiosas, para non caer na melancolía. E recordar
o que fomos capaces de sobrelevar e superar na última década”, dixo.
Ao respecto, subliñou que o país acumula tres
anos con crecemento superior ao 3%; o ano pasado logrou que 600.000 persoas
abandonasen as listas do paro; estanse subindo os salarios e estanse volvendo
aplicar medidas de estímulo económico e progreso social. España é un país
atractivo, que o ano pasado visitaron máis de 82 millóns de persoas e está
dobregando a peor crise económica coñecida na súa historia recente.
“Esa España é real e esa España tamén merece
o noso recoñecemento colectivo”, aseverou, precisando que esa España é un logro
de todos, do esforzo de moitos cidadáns e colectivos, da responsabilidade
dalgunhas comunidades e dalgúns concellos, pero tamén do Executivo que a
gobernou nos últimos anos, con Mariano Rajoy á fronte. “España pasa de
peregrinar sen destino a fixarse unhas metas cara ás que enfocar as súas
enerxías colectivas”, abundou.
Diante destes logros, o presidente da Xunta
asegurou “quedarse” cos que combaten o máximo posible os comportamentos
deshonestos e piden perdón polos erros e disfuncións, e non co novo fariseísmo
que proclama a súa absoluta perfección, “xa que non hai políticos nin políticas
infalibles, como algúns queren facer ver, senón políticos e políticas fiables”.
Galicia, o mellor “mentides” a quen cuestiona o éxito da democracia
española
Neste mesmo contexto, resaltou que a
transformación da Comunidade galega é o mellor “mentides” a quen cuestiona o
éxito da democracia española. “Galicia non só recupera a súa economía, senón
que reactiva a súa autoestima, afianza a súa cohesión interna e é partícipe do
Estado cun comportamento responsable”, aseverou, lembrando que a Comunidade
empregou os brazos da autonomía “para crecer, para abrirnos máis ao mundo e
para achegar o noso acento ao conxunto de España”.
A longo da conferencia, Feijóo fixo fincapé
en que ser unha nacionalidade histórica, como é Galicia, non equivale a ter
unha política histérica nin uns políticos histriónicos. “Galicia foi unha
comunidade responsable e, aínda que faltan obxectivos por alcanzar, respectamos
os nosos deberes financeiros, melloramos os servizos públicos, impulsamos a
economía e preservamos a estabilidade para que ninguén queira fuxir da nosa terra por falta de
confianza”, afirmou, considerando que non é unha norma adecuada en ningunha situación
facer pagar “aos xustos os desvaríos dos pecadores”.
Á hora de facer balance da España das
autonomías, o presidente da Xunta insistiu en que tan erróneo sería premiar os
conxurados cun Estado á medida dos seus caprichos como regresar a un centralismo
imposible. E, pola contra, asegurou que o que parece aceptable é pedir que se
defenda o modelo de autogoberno que Galicia practicou sempre.
Así mesmo, salientou que a sociedade galega
encarna, ademais, valores ameazados, pero que ao mesmo tempo cotizan a alza: a
tolerancia, o diálogo e a cohesión. “Entre eses lugares de España e Europa nos
que se pode cultivar o propio sen menosprezar o alleo, está Galicia. Non existe
entre nós unha esquizofrenia identitaria”, matizou.
O responsable do Executivo galego concluíu o
súa conferencia poñendo de manifesto a necesidade de que política e economía
formen parella, xa que “esquecer a política supón deixar unha parte da
poboación a mercé dos cantos de sereas populistas. E esquecer a economía
equivale a condenar a sociedade á inestabilidade, á decepción que xa se está a
sentir en moitos concellos e autonomías gobernadas por quen prometía receitas
máxicas que non existen e, finalmente, a esa penuria que xa están sufrindo
moitos galegos do outro lado do mar, baixo gobernos populistas”.