A Coruña.- Un
equipo de investigación internacional do que forman parte a Universidade da
Coruña, a Universidade Nova de Lisboa e o Ministerio de Turismo e Antiguidades
de Palestina puxo en marcha o primeiro proxecto arqueolóxico en Palestina, coa
axuda da Fundación Palarq. O profesor da Facultade de Humanidades e
Documentación da UDC Juan Luis Montero Fenollós codirixe esta expedición que ten
como obxectivo obter unha secuencia cronolóxica da ocupación durante a Idade de
Ferro no xacemento de Tell el-Far’a. A investigación permitiu identificar ata
tres fases de ocupación distintas, constituídas por varios muros e chans de
pedra e recuperar abundante material cerámico e figuras de animais de terracota
datadas cara a 900-700 a.C.
O
traballo de campo desta primeira expedición, á que seguirán outras, realizouse
a finais do ano pasado, cun equipo de investigación formado por nove
especialistas españois, portugueses e palestinos, aos que se sumaron varios
obreiros locais para axudar nas tarefas de excavación. Na actualidade Tell
el-Far’a constitúe o único proxecto de investigación arqueolóxica codirixido
por unha universidad española nos Territorios Palestinos e conta coa
colaboración sobre o terreo do Instituto
Español Bíblico e Arqueológico (Casa de Santiago) de Jerusalén.
Palestina
é una zona de Oriente Próximo de evidente interese histórico e arqueolóxico.
Foi una encrucillada de camiños, que na antiguidade conectaba o Mediterráneo
oriental, Exipto e Mesopotamia (Asiria e Babilonia, en particular). Sobre a súa
relevancia, basta con citar dous xacementos tan importantes para a Historia
Universal como son Jericó (hoxe Tell es-Sultán) ou a antiga Siquem (actual Tell
Balata, en Nablús). Non obstante, debido á complexa situación política que vive
a rexión nas últimas décadas, esta quedou esquecida en certa medida pola
moderna investigación arqueolóxica.
Tell
el-Far’a é un xacemento de referencia na historiografía sobre arqueoloxía
palestina. Trátase, a todas luces, segundo explica o profesor Montero Fenollós
“dun enclave merecedor de novas investigacións a xulgar polo seu potencial
histórico para a comprensión da Idade de Bronce e de Ferro nesta rexión do
Mediterráneo oriental”. A excavación aportará, avanza o doutor en Historia, “unha
secuencia de novos datos de indiscutible importancia para coñecer a evolución
do poboamento en Palestina entre o nacemento das primeiras cidades (ca. 3000 a.C.) e a chegada do
Imperio Asirio á rexión de Samaría (ca. 720 a.C.)”. “Investir no estudo, a conservación e a
protección dun patrimonio cultural excepcional, hoxe baixo a tutela de
Palestina, é investir en coñecemento e desenvolvemento”, conclúe o especialista en Historia Antiga,
Montero Fenollós.
O
novo proxecto arqueolóxico ten como obxectivo as seguintes liñas de
investigación prioritarias:
.- Arquitectura e urbanismo: aldea e cidade
.- Cultura material: cerámica, metalistería, glíptica, etc...
.- Secuencia cronolóxica: arqueoloxía, historia e datación
absoluta
.- Economía: rutas e contactos comerciais
.- Flora e fauna: paleoclima, paleodieta e recursos
naturais
.- Conservación, restauración, valorización e musealización
do xacemento arqueolóxico
Tell el-Far’a, situado preto
da cidade cisxordana de Nablus, é un dos grandes xacementos arqueolóxicos de
Palestina. O lugar é ben coñecido na historiografía, xa que foi excavado
parcialmente entre 1946 e 1960 por un dos grandes arqueólogos e biblistas do
século XX, o dominico francés Roland de Vaux, director da Escola Bíblica e
Arqueolóxica Francesa de Jerusalén. Segundo as súas investigacións, este
enclave estivo habitado entre o Neolítico Precerámico e a Idadae do Ferro (ca. 8500-700 a.C.), é dicir, entre a aparición das primeiras aldeas e a chegada
dos exércitos asirios desde Mesopotamia. Son moitos os estudosos que, no
marco da chamada “arqueoloxía bíblica”, apuntan que este lugar histórico pode
ser a antiga cidade de Tirsa, citada varias veces no Antiguo Testamento como a
capital do chamado reino do Norte. Tirsa foi fundada
polo rei Jeroboam I cara ao 925
a.C. e abandonada, en favor da cercana Samaría, durante o
reinado de Omrí (hacia el 880
a.C.). Non obstante, a hipótese Tell el-Far’a = Tirsa
bíblica, comúnmente aceptada, precisa dunha confirmación definitiva.
Juan Luís Montero Fenollós é doutor en Historia pola Universidade
de Barcelona (1996) e foi investigador do Instituto do Próximo Oriente Antigo
da mesma universidade (1993-2001). Na actualidade é profesor de Historia Antiga
na Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña. Desde
1992 participou en diversas escavacións arqueolóxicas en Siria. Entre 2005 e
2011, dirixiu o Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (PAMES) en colaboración
coa Dirección Xeral de Antigüidades e Museos de Damasco. Trátase dunha
iniciativa científica que ten como obxecto o estudo do concepto de territorio e
fronteira na rexión do val medio do río Éufrates entre o IV e o II milenio a.C.
Recibiu, en 2004, o premio Concepción Arenal de investigación en Humanidades
polo proxecto “Tras as pegadas da torre de Babel”. Este proxecto constituíu a
base da exposición “Torre de Babel. Historia e mito”, organizada en 2010 no
Museo Arqueolóxico de Murcia, da que foi o comisario. É autor de numerosos
artigos sobre arqueoloxía sirio-mesopotámica, así como de varias monografías
entre as que destacan La metalurgia en el
Próximo Oriente Antiguo (1998), Torre
de Babel. Historia y Mito (2010); Breve
historia de Babilonia (2012); e Asirios
en el Medio Éufrates (2015). En 2009 foi nomeado Caballero da Orde das
Palmas Académicas, máxima condecoración que concede o Ministerio de Educación
da República Francesa. Durante o curso 2014-15 foi o titular da Cátedra
Santander de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa.
Actualmente, dirixe a Cátedra Jorge Juan.
A Fundación Palarq ten como obxectivo
apoiar as Misións Arqueolóxicas Españolas, dentro dunha perspectiva que abarca
desde a etapa paleontolóxica ás épocas prehistóricas e as históricas con
interese monumental. Departamento de comunicación