O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta proporá ás universidades galegas baixar o prezo dos másters profesionalizantes e equiparalo ao dos graos, así como a conxelación, por sétimo ano consecutivo, das taxas universitarias.
“Cremos na democratización do ensino universitario e por iso seguiremos traballando: levamos 6 anos conxelando as taxas universitarias e, en canto os reitores tomen posesión, temos dúas propostas: que o vindeiro curso universitario volvamos conxelar as taxas e que baixemos os másters profesionalizantes, poñéndoos a prezo de grao”, aseverou, precisando que esta será a maior baixada dun máster profesionalizante/habilitante que houbo nunca en Galicia e nas universidades españolas.
Nesta liña, lembrou que, hoxe, en Galicia o 30% dos alumnos fan un máster, fronte ao 21% que o fan en España; “temos as taxas universitarias máis baratas para o grao de todo o país e podemos tamén ter os másters profesionalizantes máis baratos”.
Así mesmo, destacou a aposta do Executivo autonómico pola calidade a través da especialización: cun Campus da Auga en Ourense e un Campus Industrial en Ferrol, creados en 2014; co Campus da Terra en Lugo, posto en marcha no 2015; co Campus Crea en Pontevedra; e cos Campus Innova e Campus da Sustentabilidade na Coruña.
Feijóo referiuse tamén á creación da Cidade tecnolóxica e do Campus do Mar en Vigo, así como ao desenvolvemento do Campus da Cidadanía na capital de Galicia.
En resposta ás preguntas dos grupos no pleno da Cámara galega, Feijóo confirmou que a Xunta está ademais traballando para concretar outras medidas cos reitores, relacionadas con novos graos interuniversitarios, como xa se fixo co Grao da Paisaxe ou cos estudos de Medicina, así como graos en inglés.
Por último, e no eido da empregabilidade, o presidente do Goberno galego destacou que na actualidade máis de 2.500 investigadores están traballando con fondos da Comunidade. E referiuse tamén á creación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, co fin de axudar a que os 100 mellores expedientes académicos de galegos residentes no exterior poidan cursar un mestrado nunha universidade galega; “e onte presentamos en Vigo o primeiro Campus de FP da historia do ensino na Comunidade”.