Santiago.- Como todos os anos por estas datas o Ateneo de Santiago fai un descanso nas súas actividades durante a época estival ata o mes de outubro. E nesta ocasión, para clausurar Os Luns do Ateneo, convidou ao Catedrático da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Sevilla Carlos García Vázquez, quen impartirá unha conferencia do ciclo “Repensar as cidades”, enmarcada dentro da programación do X Aniversario “En clave de futuro-10 anos do Ateneo de Santiago”.
Baixo o título “A reinvención da cidade europea tras a crise de 2008”, o autor da obra Teorías e Historia de la Ciudad Contemporánea (2016, Editorial Gustavo Gili) analizará aspectos como a planificación, transformación, explotación e desenvolvemento da cidade dende un punto de vista multidisciplinar (económico, político, psicolóxico, semiótico, arquitectónico e urbanístico). A partir das 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19, trataranse conceptos tan de actualidade como son a especulación do solo, a deshumanización dos cascos históricos ou a xentrificación, nun acto ao que se poderá acceder libre e gratuitamente ata completar o aforo dispoñible e que rematará co habitual coloquio cos asistentes.
Carlos García Vázquez é Arquitecto, Catedrático de Composición Arquitectónica na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Sevilla e Profesor Visitante na Scuola di Architettura Urbanistica Ingegneria delle Costruzioni do Politecnico di Milano (sede Piacenza). Coordinador para Colombia do Programa de Cooperación Internacional da Consejería de Obras Públicas y Vivienda da Junta de Andalucía, foi investigador principal en varios proxectos sobre arquitectura e cidade, ademais de ter varias publicacións sobre esta mesma temática entre as que destacan Teorías e historia de la ciudad contemporánea (2016) e Ciudad hojaldre. Visiones urbanas del siglo XXI (2004). Departamento de comunicacion