A Coruña.- A Deputación da Coruña quere manifestar o seu pesar pola morte do escritor Xabier P. Docampo, un dos autores máis sólidos da nosa literatura e defensor incansable da normalización da nosa lingua. Xabier P. Docampo recibira en 2016 o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.
A vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña manifestou hoxe o seu pesar pola morte de Xabier P. Docampo a quen hai dous anos entregaba o VII Premio Roslaía de Castro de Lingua. "Xabier P. Docampo, ademais dun grandísimo escritor é un exemplo na defensa da nosa lingua e o compromiso coa nosa cultura. O seu é un legado de honestidade, dignidade e confianza no noso país que é unha extraordinaria herdanza para as xeracións que virán", sinalou Goretti Sanmartín Rei.
Xabier P. Docampo gañou o Premio Rosalía de Castro na súa séptima convocatoria, unha edición en que o xurado quixo valorar a súa "traxectoria literaria e recoñecemento dentro do ámbito internacional e nacional da literatura infantil e xuvenil galega" ademais do "compromiso e implicación coa lingua demostrado ao longo de moitos anos de intervención e dinamización sociolingüística a prol do noso idioma". Departamento de comunicación