El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

A Xunta impulsa Ferrol como epicentro do novo programa de deseño para a innovación

10-07-2018 17:16:12
Patricia Argerey, en Ferrol.

Ferrol.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, presentou en Ferrol o novo programa da Xunta para impulsar o deseño como factor estratéxico no proceso de innovación no marco do encontro Xornada de Innovación: unha aposta pola industria intelixente en Ferrolterra, organizada polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. Argerey felicitou aos organizadores da xornada polo encontro, que persegue potenciar as sinerxias entre o mundo académico e o empresarial, e á Universidade da Coruña polo proceso de especialización que está a seguir no Campus de Ferrol a través de iniciativas como a agrupación estratéxica que vén de obter ou a Unidade Mixta de Investigación conxunta con Navantia e apoiada por GAIN. Ambos exemplos de colaboración universidade-empresa poñen de relevo que o Campus de Ferrol está absolutamente imbricado no tecido industrial da comarca.

Argerey apuntou que Ferrolterra será, precisamente, o epicentro deste novidoso instrumento que a Axencia Galega de Innovación vén de poñer en marcha no marco do Plan Galicia Innova 2020 co obxectivo de fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade. A directora recalcou o papel da Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol na formación de profesionais do deseño industrial e do Centro de Innovación e Servizos do Deseño e da Tecnoloxía de Galicia (CIS-Galicia), que ten experiencia en proxectos europeos no ámbito do deseño, como o proxecto Interreg Europe Design4Innovation ou o User-Factor Interreg Atlantic Area.

Para amosar que a aposta de Galicia polo deseño non é casual, senón estratéxica, Argerey lembrou que Europa leva traballando dende 2010 nunha estratexia neste ámbito e citou unhas recentes declaracións do comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, nas que afirmaba que a innovación é moito máis que a tecnoloxía e que se debe innovar tamén no proceso para acadar mellores produtos. Ademais, aseguraba Moedas que se en Europa se intensificara o uso do deseño como transformador de produtos innovadores, non habería fuga de talento cara outros países que si o teñen en conta. Estas declaracións reafirman aínda máis á Xunta na súa aposta polo deseño, que xa se ten demostrado que contribúe a acelerar o crecemento e a rendibilidade das empresas.

Por último, Argerey convidou a todos os axentes do sistema galego de innovación, incluída a universidade, a involucrarse nesta iniciativa na que a Xunta vai investir 2 millóns de euros ata 2020 e que inclúe actuacións encamiñadas a concienciar sobre o deseño como factor estratéxico; formar ás empresas e emprendedores para que invistan en deseño e o apliquen á innovación en produtos e servizos, procesos e estratexias de negocio; e poñer en valor a figura do deseñador industrial como elemento clave da competitividade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias