Madrid. O presidente da Xunta, Núñez Feijóo,
amosou hoxe a súa satisfacción ante o compromiso do Goberno central de manter
os prazos fixados polo anterior Executivo para a chegada do AVE a Galicia no
último trimestre de 2019. “O AVE estará funcionando en probas o ano 2019
conforme aos compromisos asumidos co anterior Goberno”, aseverou Feijóo nunha
rolda de prensa despois de reunirse co presidente do Goberno, Pedro Sánchez,
para trasladarlle as principais reivindicacións da Comunidade galega.
“Esta data é un obxectivo irrenunciable para
os galegos, para o Goberno de Galicia e para o seu presidente”, aseverou o
titular do Goberno galego, quen sinalou que, a partir desta data, a Axencia de
Avaliación Ferroviaria comezará a autorizar a comercialización de billetes.
Nesta mesma liña, Feijóo constatou que se
mantén a data de alta velocidade Ourense-Lugo para 2021. Así mesmo, explicou
que a tramitación do AVE Ourense-Vigo por Cerdedo atópase en declaración de
impacto ambiental, polo que, unha vez solventado este paso, Xunta e Goberno
central seguirán comprobando os prazos e os compromisos.
Do mesmo xeito, o presidente do Goberno
galego fixo fincapé na necesidade de adecuar o tramo ferroviario entre Coruña e
Ferrol, polo que a Xunta e Ministerio de Fomento profundarán neste asunto para
conseguir un tren competitivo entre ambas as dúas cidades.
Porta aberta á transferencia da AP-9 a Galicia
No que respecta á AP-9, Feijóo volveu
trasladar ao Goberno central a necesidade de transferir a xestión desta
autopista a Galicia debido a que o seu trazado transcorre integramente pola
comunidade. A este respecto, valorou que o presidente do Goberno lle pedira
tempo para estudar a posible transferencia desta vía, que, recordou Feijóo, é
xuridicamente viable e repercutiría nunha mellora na calidade do servizo
prestado. Así mesmo, constatou que o Goberno do Estado está a traballar para
suprimir a peaxe da AP-9 en Redondela.
As peticións en materia de infraestruturas
non só se limitaron ao AVE e á AP-9. De feito, o presidente da Xunta solicitou:
que a autovía Lugo-Santiago estea completada a mediados do ano 2020; que as
obras no tramo San Martiño-A Barrela finalicen conforme ao prazo estipulado; e
que a conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña se licite no primeiro
semestre do 2019, entre outras cousas.
Vaga de lumes de outubro e explosión pirotécnica de Tui
Outro dos asuntos centrais da reunión entre
Feijóo e Sánchez foron as dúas situacións de emerxencia que Galicia viviu nos
últimos meses: por unha banda, a vaga de lumes rexistrada en outubro e, pola
outra, a explosión pirotécnica de Tui. Sobre a primeira, Feijóo solicitou a
Sánchez que complete os compromisos que adquiriu o Goberno central o pasado mes
de novembro, coa transferencia da última partida de axudas por valor de preto
de sete millóns de euros.
Sobre a explosión pirotécnica de Tui, o
presidente da Xunta lembrou que é competencia exclusiva da Administración
central e, en consecuencia, pediu que se financien as tarefas de desentullo; se
complementen as axudas autonómicas para a reconstrución de vivendas; e queden
exentas de pagar o IBI e os impostos correspondentes ás axudas aquelas persoas
cuxa casa quedou destruída ou inhabitable.
Sector naval e enerxético
O titular da Xunta explicoulle ao presidente
do Goberno que o futuro do naval depende, en boa medida, da construción das
cinco Fragatas F-110 da Marina Española. Trátase dun contrato por valor de
4.000 millóns de euros que garantirá a carga de traballo nos estaleiros da
comarca de Ferrolterra para a próxima década e que foi ratificado hoxe polo
presidente do Goberno.
En materia enerxética, o presidente do
Goberno galego reivindicou a importancia das centrais térmicas das Pontes e
Meirama, que deben acometer importantes investimentos para adaptarse á
directiva europea de emisións. A este respecto, Feijóo pediu garantías de
continuidade no marco regulatorio para que estes investimentos sexan viables e
un reforzo nos pagos por capacidade das centrais de xeneración
xestionables.
Así mesmo, constatou a vontade do Goberno
central de abordar en próximas datas o trasvase das augas do río Miño á poboación
de Vigo e a súa área metropolitana para garantir o correcto abastecemento.
Reforma do sistema de financiamento autonómico
No que respecta ao financiamento autonómico,
o presidente do Goberno galego apostou por reformar este sistema ao considerar
este paso clave para o futuro da estrutura territorial de España.
Así mesmo, o titular do Goberno galego
solicitou ao Goberno central que a futura reforma do sistema de financiamento
autonómico teña en conta a pirámide demográfica de cada comunidade.
De feito, Feijóo defendeu que existen determinadas
melloras no financiamento autonómico que se poden acometer de maneira
inmediata, entre elas cumprir as disposicións da Lei de dependencia para que o
custo do sistema se reparta a partes iguais entre a Administración central e a
autonómica.
Pero ademais da dependencia, ambos os dous
mandatarios falaron sobre a sanidade pública. A este respecto, o presidente da
Xunta recordou que o maior capítulo de gasto das autonomías é a sanidade
pública e que a estrutura poboacional ten unha incidencia moi importante no seu
custo. En consecuencia, trasladoulle dúas peticións ao presidente do Goberno:
revisar os pesos dos diferentes grupos de idade para o reparto dos fondos e, en
segundo lugar, que se cree un novo grupo para os maiores de 85 anos.
Pola súa banda, Sánchez amosou a súa
sensibilidade respecto a darlle un maior peso á dispersión e o envellecemento
da poboación no próximo modelo de financiamento autonómico.
Na reunión, Feijóo e Sánchez tamén abordaron
a situación financeira das comunidades autónomas, asunto no que o presidente do
Goberno galego amosou a súa absoluta oposición a que se condone a débeda
pública dalgunhas comunidades. “Non é admisible que se premie ás comunidades
incumpridoras e se penalice ás que cumprimos”, salientou Feijóo, quen tamén subliñou
que Galicia segue a ter pendente o cobro dunha compensación por non se ter
beneficiado da primeira onda de mecanismos de liquidez.
Xacobeo
2021
No tocante ao Xacobeo 2021, Feijóo requiriu
ao Goberno central que manteña o acordado co Goberno anterior, é dicir,
desgravacións fiscais para os patrocinadores e dous sorteos da Lotería
Nacional.
Así mesmo, solicitou a súa implicación, a
través da firma dun convenio de algo máis de 100 millóns de euros entre 2018 e
2021, para a protección e rehabilitación dos Bens de Interese Cultural (BICs)
que se atopan ao longo dos Camiños.
Reparto dos fondos europeos
O reparto dos fondos europeos foi outro dos
asuntos abordados entre ambos os dous mandatarios. Neste senso, defendeu o
mantemento dos fondos que reciben os gandeiros e agricultores galegos dentro da
Política Agraria Común (PAC) e da cota que Galicia percibe dos fondos de
cohesión.
Feijóo e Sánchez tamén falaron sobre pesca,
gandaría e agricultura, concretamente sobre os TACS e cotas de 2019, a
normativa de descartes e a orixe do leite na etiquetaxe.