Lugo. Por terceiro ano consecutivo, o San Froilán celebrou o
Día do Camiño Primitivo. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de
Santiago, Martiño Noriega, presidiron os actos conmemorativos aos que tamén
asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua,
Carmen Basadre, e os rexedores de Guntín, Meira, Baleira e Castroverde; así
como representantes da Asociación Amigos do Camiño, outros membros da Corporación
Municipal de Lugo e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López.
A xornada arrincou cunha recepción na Casa Consistorial,
seguida dun paseo, Camiño ao contar, dende
a Porta de San Pedro á Porta Miña con contos, humor, música e baile, co grupo
de baile e gaitas Santaia de Oleiros e Lois Pérez. Durante o transcurso deste
paseo polo Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade tamén se descubriu unha
placa, que conmemora os tres Patrimonios da Humanidade que ten a cidade, a
carón da Catedral. Unha vez finalizado, as autoridades acudiron á carpa de
Cultura e Tradición no Camiño, situada ata mañá no Cantiño Nemesio Cobreros.
"Hoxe celebramos o Día do Camiño Primitivo, que é unha
fonte de diversidade", subliñou no acto Lara Méndez, quen definiu a
esta vía de comunicación cultural e social como elemento capaz de xerar
ingresos e dinamizar a vida do municipio; pois tan só nos últimos 3 anos, dende
que foi declarado Ben Mundial, incrementou o número de peregrinos ao seu paso
por Lugo nun 20%, "o que da boa mostra da capacidade de crecemento que ten
aínda".
Ademais, a Alcaldesa situou ao Camiño Primitivo como
elemento importante na estratexia fundamental da cidade, "dendo do noso
modelo de cidade", pois ao redor del se desenvolven diversas actuacións,
como por a estraxia EDUSI.
Pola súa banda, Martiño Noriega insistiu nos lazos de
colaboración entre todos os municipios polos que pasa o Camiño Primitivo para
incrementar aínda máis a súa afluencia.
Ambos os dous rexedores coincidiron en pór en valor o
peso e a importancia histórica que dota a esta vía dun valor engadido.
Penúltimo
día dos festexos
A penúltima xornadas dos festexos do San Froilán inclúe, ademais dos
actos que homenaxean ao Camiño Primitivo, o XIII
SanFroidance, na Praza da Soidade, dende as 17:30 ás 02:00 horas. Tamén
haberá pasarrúas por Fontiñas, Montirón, Augas Férreas, estrada da Granxa, Campos Novos, Alfonso X e Acea de Olga.
Herdeiros da Crus con Wicked World como teloneiros, Fanfare Ciocarlia e os
Festicultores poñerán o broche de ouro a esta xornada, que tamén inclúe unha
verbena na Praza Maior coa orquestra Cinema.
Para rematar o San Froilán 2018, mañá terá lugar unha feira medieval, a
partires das 11:00 horas, ao carón da Catedral de Lugo. Ademais, as agrupacións
Devandoira, a Parentes, Xílgaros de Lugo, Meigas e Trasgos, Habelas Hainas e a
orquestra Pontevedra amenizarán o último días destas festas, que abarrotan
de xentes as rúas luguesas dende o pasado martes día 4. Ademais, para este
último día, o Concello ten programados os concertos de Marky Ramone e Pussy
Riot, na Praza Horta do Seminario, a partir das 20:30 horas e Myles Sanko,
dende as 23:00 horas en Santa María.
II
Concurso Olladas do San Froilán
O Concello impulsa de novo o concurso de fotografía e vídeo Olladas do San Froilán, un certame que
ten como obxecto difundir as festas, declaradas de Interese Turístico Galego e
Nacional, a través de pezas audiovisuais de libre creación, que aporten as
particulares miradas das persoas participantes, e que recollan calquera dos
variados aspetos que caracterizan estes festexos.
O concurso está aberto a persoas maiores de 18 anos de idade. O prazo para
presentar obras ábrese este sábado e ata o 2 de novembro. As bases do certame pódense
consultar na propia web das festas sanfroilan.info. Existe un único premio de
1.600 euros. Departamento de comunicación