A Consellería de Educación, Universidade e
Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do proceso de acreditación de
competencias profesionais, adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu
traballo ou por outras vías non formais de formación. A superación deste
proceso permitirá a obtención da acreditación de unidades de competencia do
Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e as correspondentes
equivalencias en módulos profesionais. Deste xeito contribúese a mellorar a
inserción laboral das persoas, ademais de facilitarlles completar a formación
para a obtención dun título de FP.
O prazo de presentación de solicitudes estará
aberto entre o 14 de xaneiro e o 7 de febreiro, ambos días incluídos. O proceso
de acreditación desenvolverase, ao igual que noutras ocasións, nos centros
integrados de formación profesional e estará dividido en tres fases:
asesoramento, avaliación da competencia profesional e acreditación e rexistro
da mesma. A información sobre o procedemento pode consultarse no Portal de FP.
Para acceder a este procedemento, as persoas
candidatas deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas
competencias profesionais que se queiran acreditar e non poderán estar
matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular)
ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación
das devanditas unidades. Tampouco poderán posuír un título de formación
profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña as unidades que
solicita, nin as súas equivalentes. Ademais, non poderán estar inscritas noutro
procedemento de recoñecemento da experiencia profesional nin en probas libres
para a obtención dun título de FP.
Novidades
da convocatoria
Por primeira vez, a solicitude de
participación no procedemento deberá presentarse obrigatoriamente por vía
electrónica na sede electrónica da
Xunta de Galicia e requirirá cubrir previamente os datos na aplicación
informática www.edu.xunta.es/acreditacion.
Increméntase o número de prazas nun 13,3% e
incorpóranse por primeira vez unidades de competencia referidas a títulos de
Formación Profesional Básica. A oferta é ampla e diversificada, atendendo ás
demandas dos distintos sectores produtivos nas diferentes zonas xeográficas de
Galicia.
Os ciclos nos que se fai oferta son 37, cinco
deles novos: o ciclo de grao básico en Arranxos e reparación de artigos
téxtiles e de pel, o de grao medio en Instalacións de telecomunicacións e os de
grao superior en Guía, información e asistencia turísticas, en Produción de
audiovisuais e espectáculos e en Automoción.
No que atinxe ás familias profesionais ás que
se corresponden as unidades de competencias convocadas son un total de 19, unha
máis ca o ano anterior, en concreto as de Administración e xestión, Agraria,
Comercio e márketing, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica,
Enerxía e auga, Fabricación mecánica, Hostalería e turismo, Imaxe e son, Imaxe
persoal, Industrias alimentarias, Informática e comunicacións, Instalación e
mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos
socioculturais e á comunidade, Téxtil, confección e pel e Transporte e
mantemento de vehículos.
Máis de
79.000 prazas
O proceso enmárcase no compromiso do
departamento educativo da Xunta de Galicia coa recualificación e formación ao
longo da vida, que permite ás persoas traballadoras ou en situación de
desemprego enfrontarse ás esixencias do mercado laboral desde unha posición
máis vantaxosa.
Este é o noveno ano consecutivo que a
Consellería convoca este proceso, que foi medrando progresivamente das 3.200
prazas do ano 2011 ás 11.020 que se ofertan na convocatoria actual. Desde 2011,
e contando coas actuais, lévanse convocado 79.470 prazas.
Cómpre salientar que na convocatoria anterior
o 84% das persoas admitidas ao procedemento chegaron á fase de avaliación e o 93%
das persoas avaliadas obtiveron a acreditación nalgunha unidade de competencia.
En total certificáronse un total de 4.795 unidades de competencia, que foron
acreditadas por 1.205 persoas.