A Xunta vén de poñer en marcha Móvete! E reduce o sedentarismo na oficina,
unha campaña dirixida a que os traballadores e traballadoras adquiran unha
serie de hábitos e pautas saudables para reducir o sedentarismo no traballo
fomentando un estilo de vida máis saudable e, polo tanto, un emprego de
calidade.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca,
e a directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA),
Adela Quinzá-Torroja, presentaron hoxe a iniciativa en Santiago a través da que
se repartirán 6000 exemplares dun cartel no que se recollen 12 hábitos
saudables para facer menos sedentario o traballo de oficina e 4300 exemplares
dun calendario/semanario no que os traballadores e traballadoras poderán
apuntar día a día as actividades que están a facer e realizar unha avaliación
semanal. O material informativo repartirse tanto en centros de traballos
privados como na Xunta e no resto de administracións públicas.
A campaña propón 12 hábitos saudables para que
cada mes se incorpore ao estilo de vida de cada persoa un deles co obxectivo de
que ao final do ano se consiga ter normalizado durante a xornada laboral as 12
pautas que reducen o sendentarismo. A secretaria xeral de Emprego destacou que
as empresas deben facilitar e promover a realización destes hábitos e, por
outro lado, os traballadores e traballadoras deben concienciarse sobre que a
integración destes hábitos a súa vida diaria supón un beneficio para a súa
saúde.
As recomendacións baséanse nunha serie de
actividades para levantarse para beber auga, comer algo, subir chanzos ou
realizar pausas ou labores activos. As 12 pautas son as seguintes: descansar do
traballo con ordenador intentando levantarse cada 30 minutos; facer pausas
activas dedicando un momento para realizar unha camiñada intensa e subir
escaleiras; rotar tarefas intercambiando hábitos que se facen sentados con
outros que se poidan facer de pé; adquirir novos hábitos levantándose para
saudar as visitas ou coller o teléfono; elixir o camiño máis longo para ir a
outra sala ou ao baño; levantarse e falar directamente en persoa, evitando o
teléfono ou o correo electrónico; usar as escaleiras en lugar do ascensor;
beber máis auga e facelo de pé; facer as presentacións ou charlas de pé e
suxerir reunións de pé ou camiñando; poñer a impresora e a papeleira lonxe do
escritorio; moverse mentres se espera para entrar nunha reunión ou se usa a
fotocopiadora; aproveitar os descansos para levantarse e facer estiramentos
sinxelos. Segundo salientan os expertos, está demostrado que os hábitos se
adquiren aos 21 días da súa repetición.
Estes hábitos tamén daranse a coñecer a través
da páxina web do ISSGA, issga.xunta.gal, e das súas redes sociais, en Facebook e
Twitter.
A campaña, segundo apuntou Toca, trata de
avanzar nunha cultura de empresas saudables destacando que para iso é necesario
a implicación dos empresarios e dos traballadores e traballadoras. A iniciativa
forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que a través
de 6 obxectivos estratéxicos e 163 medidas busca reducir a sinistralidade
laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e nos
traballadores co fin último de mellorar as condicións de seguridade e saúde. A
folla de ruta, que foi consensuada cos interlocutores sociais, fai especial
fincapé nos novos riscos e os emerxentes derivados das novas formas e procesos
de traballo e do uso das novas tecnoloxías.