El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA

Cincuenta centros educativos contarán cun laboratorio de radio na biblioteca escolar

18-12-2018 12:21:41

Un total de 50 centros educativos de toda Galicia contarán este curso cun laboratorio de radio na súa biblioteca escolar a través do programa Radio na Biblio, impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deles, 30 son centros de nova incorporación neste curso 2018/19, mentres que os outros 20 continúan tras desenvolver esta iniciativa como un proxecto piloto no curso 2017/18. Todos eles forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe).

Para seleccionar os centros a Consellería tivo en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca do pasado curso 2017/18 (polo proxecto presentado, no caso dos centros que se incorporaron ao Plambe este curso) e a localización xeográfica dos centros, dando prioridade aos que se atopan en concellos do ámbito rural.

O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como “centros creativos de aprendizaxes”, tal e como establece o Plan Lía 2016/20. Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro, dos traballos elaborados polos alumnos, etc. 


Alfabetización informacional

Esta iniciativa enmárcase no desafío número catro do Plan LÍA 2016/20, referido ás alfabetizacións múltiples, con medidas destinadas á mellora das capacidades lectoras do alumnado e no desafío número cinco da mesma estratexia, vencellado ás competencias AIFIN/AMI (alfabetización informacional/alfabetización mediática e informacional). Neste sentido, o Plan contempla como medida concreta a posta en marcha dun programa de radio escolar vinculado a biblioteca para a mellora da competencia informacional e mediática dos escolares.

Ademais, o Plan recolle no seu desafío número dous diferentes medidas para promover a evolución de todas as bibliotecas escolares cara a laboratorios creativos de aprendizaxe, na medida en que estas se configuran como espazos físicos e simbólicos de oportunidade para desenvolver proxectos colaborativos conectados ao tratamento do currículo, así como para dar resposta aos intereses culturais e formativos dos membros da comunidade educativa.

Co fin de dar a coñecer esta experiencia ao conxunto da comunidade educativa galega, os materiais que se elaboren ao abeiro deste proxecto piloto poderán ser difundidos como exemplo de boas prácticas, cando así se considere, a través dos espazos web da consellería vinculados ao Plan LÍA. Ver os centros





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias