A Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abre o prazo de presentación de
solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así o anuncia
hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) onde se publica a orde de dita
normativa para autorizar a pesca da lamprea e fixa o período para a tempada de
2019,
A lamprea (Petromizon marinus) é unha
especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que
se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos
para o resto das especies.
Segundo a normativa que se publica hoxe, as
lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente.
En cada unha pescan 4 persoas, un posto ao que os pescadores acceden mediante
un sorteo previo.
O prazo de presentación de solicitudes será de
10 días a partir de mañá, e os pescadores deberán estar en posesión da
correspondente licenza e autorizados con permisos de 4ª categoría. Tamén
deberán estar en posesión do libro de rexistro de capturas, debidamente cuberto
e a disposición das autoridades.
O sorteo para a adxudicación dos postos de
pesca para a colocación de estacadas no Tea terá lugar no refuxio da Freixa
(Ponteareas) o 18 de xaneiro de 2019, ás 11 horas.
Na vindeira tempada, o período hábil de pesca
estenderase do 4 de febreiro ao 11 de maio e realizarase en días alternos: o
luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e martes, xoves e sábados
desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 8,00 horas dos domingos
ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto,permítese a pesca desde as 21:00 horas
do día autorizado ata as 08:00 horas do día seguinte.