O
responsable do Goberno galego, Núñez Feijóo anunciou hoxe, durante a súa
comparecencia na comisión de investigación sobre a Sanidade pública, que
proporá a todos os presidentes autonómicos a convocatoria de MIR extraordinaria
para a atención primaria co obxectivo de paliar a evidente ausencia de
profesionais. Feijóo defendeu, deste xeito, a necesaria implicación do Goberno
central -unha Administración que posúe capacidade decisoria única sobre
aspectos tan básicos como o número de médicos que se forman cada ano, e en que
especialidades- e precisou que tratará este tema co futuro presidente andaluz,
“e espero que tamén –abundou- co resto de presidentes que saian elixidos nas
próximas eleccións autonómicas de maio".
Ante o
aumento progresivo da demanda e a escaseza de profesionais para cubrir prazas
de primaria, o titular da Xunta incidiu en que a mellora deste servizo “é un
dos asuntos que nos convoca de forma máis urxente”. E recordou, nesta liña, que
ademais da decisión da Xunta de intensificar as categorías de atención primaria
nas próximas ofertas públicas de emprego, comezando pola deste ano 2019, a
reformulación do modelo de atención primaria está sendo xa obxecto de debate
nos grupos específicos propostos polo Servizo Galego de Saúde: máis de 60
profesionais
presentarán un conxunto de propostas á Administración sanitaria previsiblemente
no próximo mes de febreiro.
Sobre este punto, salientou que, se ben
algunhas delas xa foron trasladadas, e mesmo están sendo tramitadas polo
Sergas, como a nova modalidade contractual, para establecer vínculos temporais
máis amplos do persoal médico de familia e pediatras, xa se están a avaliar
outras medidas como: a creación dun director de Atención primaria en cada área sanitaria;
visibilizar de xeito específico os presupostos que se dedican aos hospitais e á
atención primaria; definir e clarificar un novo modelo dos novos roles
profesionais da primaria, tanto para o persoal médico como de enfermería e o
resto do persoal; axilizar e intensificar a relación entre Primaria e
Especializada, que quede protocolizada as probas que un médico de atención
primaria pode pedir a atención especializada; revisar o modelo de atención ás
urxencias na súa totalidade; primar a permanencia en prazas de difícil
cobertura, de xeito que nas OPE e nas ofertas de traslados se puntúe de xeito
adicional cubrir prazas no rural ou cubrir prazas complexas cando teñan un cupo
de pacientes complexos pola idade ou por enfermidades crónicas.
Tamén
ponderar nos concursos o tempo traballado en prazas que se están a ocupar por
especialistas de enfermería, é dicir, ter en conta o coñecemento e formación
que achegan estes profesionais en primaria. Facer unha ponderación máis
axeitada dos cupos, en función da complexidade das patoloxías, é dicir, ter en
conta tanto nas retribucións como na distribución dos cupos o número de
pacientes de 0 a 3 anos que ten un pediatra, e no caso dos adultos o número de
pacientes de máis de 70 anos que ten un médico de familia nos centros de saúde.
E estimular a formación e innovación buscando fórmulas que permitan unha maior
integración dos profesionais da Primaria nos equipos de investigación sanitaria
que está funcionando no Sergas.
Compromiso de seguir defendendo a
Sanidade pública
Ademais de
seguir defendendo a necesidade dun gran pacto nacional que permita salvagardar
a calidade e a sustentabilidade do sistema sanitario, Feijóo aseverou que,
paralelamente, en Galicia se seguirá traballando, na xestión diaria e tamén nos
principais retos estruturais que existen cara ao futuro, entre os que destacan:
dar resposta ao número crecente de pacientes crónicos; afrontar a conxuntura de
prestar servizos no rural; desenvolver a medicina de precisión e personalizada
en moitas patoloxías; ou ampliar a atención domiciliaria como unha das fórmulas
máis axeitadas para responder ás necesidades do avellentamento da sociedade.
“Imos
seguir defendendo a Sanidade pública da única maneira que pode facerse: con
máis Sanidade pública. Exactamente como ata agora e exactamente como queren a
maioría dos galegos”, sentenciou, lembrando que hoxe os galegos temos garantido
por lei prazos de espera máximos, unha posibilidade da cal
desde 2017 xa se beneficiaron 43.000 persoas.
Igualmente, hoxe
hai dereito de elección de médico, pediatra ou persoal de enfermería, así como
de centro hospitalario por un novo problema de saúde, opción que elixiron
libremente máis de 311.000 galegos. Hai dereito a unha segunda opinión máis
áxil, e xa a teñen solicitada máis de 1.200 persoas e hai máis vías rápidas que
nunca para a atención de determinados cancros -mama, colon, pulmón próstata, vexiga,
melanoma e cabeza e colo-, o que permitiu acadar un tempo medio de derivación
desde a atención primaria ata o especialista de menos de cinco días.
Así mesmo, referiuse aos novos servizos de atención, como a consulta
telefónica en atención primaria ou o seguimento postoperatorio a todos os pacientes dados de alta
no hospital que son chamados desde o centro de saúde; á mellor información
e máis accesible, grazas á extensión da historia clínica e da receita
electrónicas ao cen por cento dos galegos; e ás novas vacinas gratis que nunca para
os nenos (como a da varicela e o pneumococo) que antes había que pagar,
incorporouse a da tose ferina para mulleres embarazadas e, por primeira vez,
aprobouse un calendario de vacinación para adultos.
“Hoxe hai novos
medios de prevención, grazas, por exemplo, a un sistema de cribado semellante
ao do cancro de mama para o cancro de colon, e desde este ano tamén para o
cancro cervical. E están consolidados novos tratamentos que antes non existían,
como é o caso da hepatite C”, asegurou, precisando sobre este punto que o Servizo
Galego de Saúde leva investidos 130 millóns de euros nestes tratamentos e
tratados 7.800 afectados por esta patoloxía, sendo Galicia unha das primeiras comunidades
en iniciar os tratamentos.
Máis fondos, máis profesionais e máis medios para prestar un mellor
servizo
Ao longo da
comparecencia, Alberto Núñez Feijóo constatou que nos últimos anos os recursos
sanitarios non só non diminuíron, senón que aumentaron, convertendo Galicia na
quinta comunidade con maior gasto sanitario consolidado de España: en datos
absolutos, cun aumento próximo ao 10 % (de 3.600 en 2008 a 3.987 millóns de
euros do 2018); e, tamén, en datos relativos, con máis de 4 puntos de
incremento (do 36 ao máis do 40 % no 2018).
“E hai tamén máis
profesionais: 2.300 profesionais máis, un 6,5% de incremento respecto á
situación que atopamos en 2008. En persoal médico e de enfermería aumentamos en
máis de 1.300 en atención hospitalaria e arredor de 250 efectivos men primaria”,
explicou, referíndose ademais ao esforzo levado a cabo para mellorar a
situación dos profesionais sanitarios, como demostra, entre outras iniciativas,
a aprobación da carreira profesional específica, que suporá melloras engadidas,
as OPE que superan as 7.500 prazas convocadas, ou a recuperación do nivel
retributivo que se vira afectado durante a crise.
O titular da Xunta
sostivo que o exemplo máis ilustrativo desa mellor dotación é a modernización
completa das infraestruturas sanitarias, que se está a levar a cabo de xeito
ininterrompido desde 2009 e que ao seu remate permitirá poñer á disposición dos
galegos un novo Servizo Galego de Saúde, mellor preparado para hoxe pero tamén
para o futuro.
Ao respecto,
precisou as obras que están completamente rematadas: en Vigo construíuse un dos
mellores hospitais públicos de España; en Lugo equipouse totalmente un novo
hospital público e mellorouse a carteira de servizos; no hospital público do
Salnés ampliouse un 26% a superficie hospitalaria; no hospital público de Verín
ampliouse a carteira de servizos e renováronse as consultas externas; e, no
hospital público de Cee instalouse unha nova sala de hemodiálise e
modernizáronse os quirófanos.
E, sobre outras actuacións
explicou que: en Ourense, xa está funcionando o novo edificio de
hospitalización con 52.000 metros cadrados adicionais e presentada a 2ª fase
que complementará a mellora do centro. No hospital público da Mariña séguese
avanzando na súa ampliación, cuxa primeira fase xa está rematada, cun aumento
da superficie dun 33%. No hospital público da Coruña renovouse o 100% do bloque
cirúrxico e duplicáronse as urxencias, e antes de que remate a lexislatura,
presentarase o novo hospital público da Coruña. E, en Pontevedra, estase
traballando no proxecto do futuro Gran Montecelo e este ano licitarase a
primeira fase das obras.
Por outra banda, no
hospital público de Ferrol redactouse o proxecto básico e de execución e xa está
licitado. Xa se está planificando a futura reorganización e ampliación do hospital
público de Santiago. No hospital público do Barbanza ampliáronse as consultas
externas, inaugurouse un laboratorio de análises e xa se comezou coa ampliación
das urxencias. No hospital público de Monforte introduciuse o servizo de
oncoloxía e proximamente contratarase o seu proxecto de remodelación. E o
hospital público de Valdeorras terá proximamente un proxecto de reforma con
novo equipamento.
“E, igualmente, as
infraestruturas de atención primaria están sendo obxecto de melloras
importantes”, dixo, resaltando que, desde 2009, a Xunta actuou en 54 centros de
saúde e, en 2020, esta cifra incrementarase ata os 82 ambulatorios.
Segundo o titular
do Goberno galego, a mellor dotación sanitaria tamén se reflicte no ámbito
tecnolóxico. Non en van, nunca antes se fixera unha aposta tan forte pola
incorporación de tecnoloxía, con 100 millóns nos últimos anos: desde a máis
alta tecnoloxía -quirófanos híbridos, resonancias, PET, aceleradores lineais,
etc.-; ata a aparellaxe máis simple pero igualmente fundamental -mamógrafos,
ecógrafos, electrocardiógrafos, entre outros-.
Diante destas
infraestruturas, Feijóo confirmou que hoxe sete de cada dez galegos viven a
carón dun centro novo ou renovado. “E cando todas se completen, será o cen por
cen”, matizou.
Na súa
intervención, o presidente do Goberno galego expresou o orgullo de que os
galegos fósemos capaces de blindar e mesmo mellorar os nosos servizos públicos,
e especialmente a Sanidade pública, ao tempo que asegurou que se foi posible é
grazas: á responsabilidade dos distintos departamentos do Goberno, que
aceptaron reducir o presuposto de todas as consellerías para manter e incluso
incrementar o da Consellería de Sanidade; á responsabilidade dos pacientes, que
mudaron normalmente actitudes con grande impacto no gasto, como incrementar o
consumo de medicamentos xenéricos do 10 en 2008 ao 44% en 2018; e á
responsabilidade dos profesionais, que durante varios anos exerceron o seu
labor con soldos conxelados, sen extras ou con menos días de libre disposición.
En relación a este
último punto, Feijóo salientou que esta implicación dos profesionais do Sergas,
reflíctese en datos obxectivos como: o máximo histórico en intervencións
cirúrxicas - 210.000 en 2018, é dicir, 34.000 máis que no 2008-; o máximo
histórico en consultas, en hospitais (4,5 millóns, 15,8% máis) e en atención
primaria (26,6 millóns, un 3% máis); o máximo histórico de transplantes (354 o
pasado ano, un 32 % máis que en 2008); a alta capacidade de resolución de atención
primaria, xa que no 94,3 % dos pacientes no foron derivados ao hospital; e as
menores esperas desde que hai rexistros, porque respecto a 2008 hoxe se agardan
20,7 días menos para unha cirurxía moi grave, 7,9 días menos con carácter xeral
e 18,4 días menos para unha consulta.
Todos estes
indicadores proban que Galicia é un territorio cunha Sanidade Pública mellor
que en calquera outro momento, e tamén mellor que na maioría dos lugares do
noso contorno. E os cidadáns, no barómetro sanitario máis recente, outorgan á
Sanidade Pública a nota máis alta da serie histórica, e indican que os servizos
que máis valoran son, xustamente, a atención primaria e as urxencias. Pola
contra, noutras comunidades, esa cualificación foi decrecendo nos últimos anos.
A Sanidade pública, un dos maiores logros colectivos da Galicia
autogobernada
Logo de advertir
por parte dalgúns sectores unha premeditada descualificación global da Sanidade
pública galega, o presidente da Xunta lamentou que tres dos catro grupos
parlamentarios se ausentaran da comisión que eles mesmos pediron, “faltando ao
respecto á Cámara galega e, por tanto, aos galegos”.
“Defender a
Sanidade pública e recoñecer un dos maiores logros colectivos da Galicia
autogobernada. Nel súmanse o esforzo contributivo dos cidadáns que a financian,
a capacidade profesional dos sanitarios, a calidade da formación das escolas e
centros universitarios, a capacidade dos xestores e tamén o compromiso de todos
os gobernos que tivo a Xunta”, asegurou, distinguindo entre as críticas que
pretenden mellorar o sistema e as críticas que pretenden destruílo, unicamente
por razóns ideolóxicas ou partidarias.
Feijóo concluíu
sentenciando que a Sanidade pública será sempre unha obra en permanente reforma
e permanente mellora. “Nela teñen cabida todos os galegos e todas as críticas
que busquen perfeccionar un sistema público que resiste todas as comparacións”,
dixo, ao tempo que expresou o orgullo da Sanidade pública “que non se conforma,
e que aspira a poder seguir avanzando para continuar sendo unha das mellores
sanidades públicas do mundo”.