O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quixo achegarse na súa primeira viaxe do ano aos galegos de Venezuela, un dos colectivos de emigrantes e retornados que están a afrontar unha situación especialmente dura. A eles, tanto aos que aínda residen no país como aos que xa regresaron a Galicia, o Goberno galego destinou nos últimos dous anos un total de catro millóns de euros, aos que hai que engadir os máis de dous millóns que se investirán para contribuír a garantir as súas necesidades máis básicas durante 2019.
Esta cifra sufriu un incremento de arredor do 400 % en só dous anos, pasando dos 600.000 euros anuais investidos en 2016 para os galegos de Venezuela aos 2,2 millóns de euros que percibiron a través de diferentes programas e axudas en 2018. Este aumento responde ao afondamento na situación e as dificultades sociais que está a atravesa o país e, nomeadamente, os galegos que residen nel.
Unha das actuacións máis importantes que está a levar a cabo a Secretaría Xeral da Emigración para Venezuela xira en torno á dotación específica que creou en 2018 para os galegos de Venezuela destinatarios das Axudas Económicas Individuais, materializada nunha partida de 900.000 euros. O Goberno galego manterá este esforzo orzamentario durante o presente exercicio co fin de asegurar a atención máis urxente entre a colectividade que vive no país suramericano.
Tamén os programas dirixidos aos retornados constitúen un respaldo fundamental para os galegos que deciden deixar Venezuela para regresar á súa terra de orixe. A porcentaxe de axudas procedentes dalgunha das tres liñas de actuacións en materia de retorno específicos da Secretaría Xeral da Emigración chegou no caso das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado que benefician os galegos do país suramericano roldou o 80 % no pasado exercicio. As previsións para a presente anualidade manteñen, así mesmo, a cifra dos últimos meses.
Encontros e reunións de traballo
O programa oficial de Antonio Rodríguez Miranda inclúe, para esta primeira viaxe do ano a Caracas, encontros tanto con responsables das entidades galegas como con autoridades representativas de España, ademais da súa asistencia á reunión do padroado da Fundación España Salud (FES), que se celebrará o martes 22 na sede da organización na capital venezolana.
Venezuela é o quinto país que acubilla maior número de galegos en todo o mundo. A 1 de xaneiro de 2018 eran 40.226 os galegos que residían no país, que se ten convertido, ademais, no primeiro en materia de retorno, segundo as últimas cifras oficiais publicadas, elaboradas polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Só en 2017 regresaron a Galicia un total de 2.163 emigrantes galegos ou descendentes con nacionalidade española e inscritos nalgún concello da comunidade.