El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

TURISMO

Galicia acada en decembro a maior cifra de turistas da súa historia cun crecemento do 9,2%

23-01-2019 15:46:02

Galicia acadou en decembro a maior cifra de turistas da súa historia, con máis de 220.000 viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros, o que supón un 9,2% máis que no mesmo mes do ano anterior. Así se desprende dos datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que amosan o intenso avance da estratexia de desestacionalización da demanda turística froito das actuacións que a Xunta está a liderar en colaboración co sector da Comunidade.

Estes resultados propician que Galicia fora a cuarta comunidade cunha maior evolución no último mes do ano, con subas moi por riba de media nacional en todas as variables. Así, o número total de pernoitas superou as 413.000, cun aumento do 7,8% fronte ao 2,6% estatal. Igualmente, a ocupación elevouse en xeral e moi especialmente durante as fins de semana, cunha melloría de 6,45 puntos fronte aos 2,02 puntos do conxunto das comunidades. Decembro arroxa grazas a estes resultados a mellor ocupación dos últimos 16 anos.

Todas as provincias rexistraron incrementos, con Ourense en cabeza (+10%) seguida de Pontevedra (+9,5%), Lugo (+7,9%) e A Coruña (+6%). Deste xeito, dáse continuidade a diversificación e reparto dos turistas, cunha especial incidencia no turismo de interior.


Récord do turismo internacional

Por perfil do turista, a evolución foi salientable en todas as tipoloxías, especialmente entre os viaxeiros internacionais, que subiron un 16,6%, cunha demanda récord. Tamén subiron os turistas nacionais (+5,5%) e o turismo dos galegos dentro da Comunidade (+10,3%).

Á positiva tendencia na estratexia galega de desestacionalización, diversificación e internacionalización únese a aposta pola calidade, que permite establecer un destino cada vez máis competitivo e sustentable. Neste sentido, cómpre subliñar a melloría das tarifas hoteleiras, do 5,6%, e da rendibilidade dos negocios do sector, que crecen case un 15%.

Co obxectivo de perseverar nesta liña, o Goberno galego mantén ata o domingo unha intensa presenza na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid, un dos principais foros de promoción no que presenta as principais novidades para este ano. Trátase de produtos e experiencias que afondan na imaxe de Galicia como un destino auténtico e innovador.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias