Culleredo (A Coruña) | A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey
Vilar, participou hoxe na sede de CETIM (Centro Tecnolóxico de
Investigación Multisectorial), en Culleredo (A Coruña), na presentación
do proxecto BIOPOL, apoiado pola Xunta no marco do programa Conecta
Peme.
Na súa intervención, Argerey destacou o carácter estratéxico
desta iniciativa que se aliña coas prioridades da Estratexia de
Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), concretamente coa
modernización dos sectores primarios galegos para facelos máis
sostibles, eficientes e rendibles a través da innovación. Precisamente
este proxecto céntrase na valorización de subprodutos e correntes
residuais da industria láctea, un sector no que Galicia é líder a nivel
nacional e que presenta grandes capacidades. Mostra diso é o proxecto
empresarial de Dairylac, que participa como socio no proxecto, e que
naceu en 2001 en Melide liderado por cooperativas do sector lácteo co
obxectivo de transformar e valorizar o sector.
Argerey puxo tamén
de relevo a alianza estratéxica entre empresas de sectores tan diversos
como a enxeñaría, representado por Indutec (Lugo) e Soelec (Coirós); o
medioambiente, con Enso Innovation (A Coruña); a biotecnoloxía, coa
empresa catalá Carinsa, dedicada á produción de fragancias e aromas;
ademais de Dairylac; e o apoio de CETIM. Este consorcio garante un
coñecemento especializado en cada fase do proxecto. Tamén subliñou o
importante papel que xoga o Centro na dinamización da innovación entre o
tecido produtivo, xa que desde 2013 ten participado en 16 proxectos de
I+D+i apoiados pola Axencia Galega de Innovación a través do programa
Conecta Peme.
Economía circular
A meta final do proxecto
BIOPOL, dotado cun orzamento de máis de 850.000 euros do que o 50%
procede de fondos públicos, cofinanciados no marco do Programa Operativo
FEDER Galicia 2014-2020, é crear un modelo de economía circular que
impulse o crecemento sustentable en diferentes sectores mediante o
desenvolvemento dunha nova vía de valorización dos subprodutos e
residuos xerados na produción do leite e os seus derivados a través da
obtención de novos materiais sustentables de aplicación en diferentes
produtos comerciais.
Concretamente, o proxecto prevé desenvolver
dúas aplicacións comerciais para o biopolímero obtido: aromas e
fragancias encapsuladas e absorbentes para a remediación ambiental,
ofrecendo deste xeito produtos de alto valor engadido así como solucións
a problemas medioambientais.
Argerey subliñou que este modelo de
economía circular constitúe o novo elemento de competitividade global e
que Galicia está fortemente comprometida con el, en liña coas políticas
europeas. De feito, a importancia que está cobrando este ámbito nos
proxectos de I+D+i que se están a desenvolver en Galicia reflíctese no
incremento no número de proxectos vinculados á economía circular no
marco do programa Conecta Peme, que pasou dun 8% na convocatoria de 2016
a un 15% na última convocatoria.
Ademais o proxecto, contribuirá a
optimizar o proceso de obtención de biopolímeros -un plástico sostible
obtido de fontes verdes- cunha redución de custos considerable e o
emprego de rutas máis ecolóxicas. Por outro lado, a pureza dos
biopolímeros obtidos, así como o sistema de control e automatización de
todas as fases do proceso permitirá a súa aplicación en numerosos
sectores industriais.
Balance da convocatoria Conecta Peme
A
través do programa Conecta Peme, que ten por obxecto estimular a
innovación nas pequenas e medianas empresas galegas para fortalecer a
competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación
entre os diferentes axentes, resolveuse o ano pasado o apoio a 54
proxectos de I+D+i nos que participan 169 empresas -o 93% pemes- e 24
centros tecnolóxicos e de investigación. Grazas a 27 millóns de euros de
axuda pública, mobilizaranse 47 millóns de euros e xeraranse 72
empregos cualificados.
En total, dende a posta en marcha deste
programa no ano 2013 lévanse apoiado 187 proxectos de cooperación nos
que están a participar 433 empresas e que están xerando 530 empregos.