Os Premios Galicia Parabéns que outorga a
Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Turismo de Galicia
para distinguir as actuacións públicas dirixidas a conservar e
embelecer as paisaxes galegas vén de abrir a súa terceira convocatoria
como hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Cun
investimento global de 800.000 euros para 2019 e 2020, a Xunta de
Galicia premia así as actuacións destinadas a mellorar as paisaxes, os
núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da
Comunidade Autónoma. Poderán participar nesta convocatoria concellos,
agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios
locais que cumpran os requisitos. Entre todos eles premiaranse dúas
iniciativas.
Os premios están distribuídos en dúas categorías: a
primeira distingue os proxectos ou actuacións realizadas nos últimos dez
anos para conseguir unha mellora da paisaxe cunha integración axeitada
de elementos arquitectónicos ou con mellora estética dos núcleos
poboacionais, entre outras. Tamén se inclúen nesta categoría as
iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das
rutas dos Camiños de Santiago. A segunda categoría premia os mellores
proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización tanto para
promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos
poboacionais ou nos lindes da Ruta Xacobea.
Outorgarase un premio
de 400.000 euros en cada unha das categorías. O prazo de presentación de
solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da
súa publicación no DOG, onde os interesados en concorrer a estes premios
poden consultar tamén as bases da convocatoria e a documentación
precisa a presentar.
Coidado do territorio
A Consellería
de Cultura e Turismo renova así o seu compromiso por impulsar proxectos
turísticos que fagan de Galicia un destino mellor a través do coidado
súa paisaxe e do seu patrimonio. Nas anteriores edicións o Goberno
galego premiou aos concellos de Boqueixón, polo seu esforzo na mellora
do Pico Sacro; ao de Portomarín, polo seu proxecto para reordenar o
Parque Agustín do Río; ao de Mondoñedo por unha iniciativa no parque
Agustín do Río e ao de Celanova polas melloras realizadas en Vilanova
dos Infantes.