A Xunta de Galicia, a través das
consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e
Formación Profesional, convoca hoxe, por medio da publicación de dúas
ordes da Secretaría Xeral de Política Lingüística no Diario Oficial de
Galicia (DOG), as axudas para o fomento da lingua galega no ensino,
tanto para centros de titularidade pública como para centros de
titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará
aberto desde mañá ata os días 13 e 25 de febreiro de 2019,
respectivamente.
Ambas as convocatorias teñen a finalidade de
contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de
dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada
proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2018/2019
naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis
universitarios e que contan con menos de seis unidades. O texto completo
das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia).
Criterios de valoración
Os
equipos ou o profesorado responsable da dinamización da lingua galega
nos centros educativos que desexen optar a estas axudas deberán
presentaren un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá
fundamentalmente a contía –un máximo de 800 euros– que obterán para
desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o
colexio ou instituto.
Os criterios de valoración dos proxectos
inciden no grao de implicación nestes por parte dos distintos membros da
comunidade educativa; no nivel de utilización das TIC; no grao de
colaboración con outros centros educativos, así como con entidades,
institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; na
realización de actividades plurianuais e na tipoloxías das actividades
propostas.
Apoio ao labor dos EDLG
O Decreto
79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non
universitario de Galicia sinala a necesidade de afondar no
desenvolvemento dos preceptos da Lei de Normalización Lingüística no
tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego
en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta
educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite
para o seu uso correcto e eficaz. O devantido decreto regula, no artigo
15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para
potenciar o seu uso nos centros educativos.
Coa finalidade de
valorar e de apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua
galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística considera necesario
seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á
promoción da lingua galega nos centros educativos, polo que se convocan
estas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do
galego nos centros de ensino públicos.