Pontevedra | O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, participou este mediodía, nos xardíns
situados fronte á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na celebración
do Día da Galeguidade Empresarial, que este ano o Foro Enrique Peinador
lle dedica ao empresario, artista e intelectual Isaac Díaz Pardo e que
conta co apoio da Xunta de Galicia. Durante o acto, descubríronse unha
placa e mais un busto deseñados pola Escola de Canteiros de Poio,
pertencente á Deputación de Pontevedra.
Valentín García explicou
na súa intervención que “Isaac Díaz Pardo alcanzou no seu día o éxito
empresarial por mor dunha combinación entre intelixencia creativa e
compromiso constante coa cultura e a lingua de Galicia, un compromiso
que guiou o seu proceder e conectou cos intereses e demandas da
sociedade nun determinado momento”. Por este motivo, o secretario xeral
de Política Lingüística considerou que “é un dos referentes máis claros,
se non o máis claro, que podemos mostrarlle hoxe ao empresariado
galego, a quen queremos transmitirlle unha vez máis dúas mensaxes: a
primeira, que os necesitamos, que eles son imprescindibles para o futuro
da lingua propia de Galicia; a segunda, que esta constitúe un activo
para o seu negocio”.
Xunto co secretario xeral interviñeron no
acto de homenaxe a Isaac Díaz Pardo con motivo do Día da Galeguidade
Empresarial, entroutros, Xosé González Martínez, presidente do Foro
Enrique Peinador; Xosé Díaz, fillo do homenaxeado; Manuel Joaquín
Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; e Miguel Anxo Fernández Lores,
alcalde de Pontevedra.
No marco desta homenaxe, a Facultade de
Belas Artes da Universidade de Vigo organizou a exposición “Isaac Díaz
Pardo e Sargadelos. Apontamentos sobre arte, industria e deseño”, que se
inaugurou tras o acto e que poderá verse ata o vindeiro 22 de febreiro.
Foro Enrique Peinador
O
Foro Enrique Peinador é unha entidade que ten por obxectivo normalizar o
uso do galego no ámbito económico e da empresa, tanto nas comunicacións
internas coma na súa relación co consumidor. A Secretaría Xeral de
Política Lingüística comparte estes obxectivos, coincidentes con algúns
dos recollidos no seu Plan de dinamización da lingua galega no tecido
económico 2016-2020, e apoia o Foro Peinador nos actos que este leva a
cabo para promover os produtos etiquetados en galego, nos encontros con
empresarios e empresarias de todos os sectores e tamén na celebración do
Día da Galeguidade Empresarial, co que se recoñece a importancia do
empresariado na normalización lingüística e se ofrecen referentes
galeguizadores para as empresas de hoxe.
Isaac Díaz Pardo
Isaac
Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012) foi un
escritor, artista e empresario galeguista. No ámbito empresarial
destacou como fundador de Edicións do Castro e Cerámicas do Castro, así
como polo seu labor de director e administrador do Grupo Sargadelos.