Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León participarán o
luns, 28 de xaneiro, en Santiago, nun encontro xunto aos sectores
económicos e sociais das tres comunidades para impulsar o Corredor
Atlántico Noroeste.
A Cidade da Cultura acollerá esta reunión na
que, ademais dos tres gobernos autonómicos, participarán as asociacións
de empresarios das tres autonomías, a Plataforma Atlántico Noroeste, a
Federación Galega de Municipios e Provincias e representantes sindicais,
co obxectivo de escenificar a unidade existente en Galicia, Asturias e
Castela e León a favor da inclusión da súa rede ferroviaria e dos seus
portos e plataformas loxísticas, no Corredor Atlántico de Mercadorías,
como forma de acceder ao financiamento necesario para garantir a súa
competitividade.
Os participantes no encontro achegarán os
argumentos a favor da inclusión do Noroeste no Corredor Atlántico de
Mercadorías e dos investimentos necesarios para fortalecer a rede
ferroviaria, como camiño imprescindible para garantir a competitividade
loxística e económica das tres comunidades autónomas e para aumentar a
súa contribución á dinamización dos mercados europeos.
Non en van,
con esta xuntanza darase un paso máis para o fortalecemento da alianza
constituída en outubro de 2017, e que quedou plasmada nunha declaración
institucional.
Ao respecto, cómpre lembrar que o Goberno de España
presidido por Mariano Rajoy atendeu esta solicitude e trasladouna á
Comisión Europea, que aceptou que a revisión programada do trazado dos
corredores de mercadorías inclúa os itinerarios desde Venta de Baños
(Palencia) e León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando por Ourense e
Monforte de Lemos.
Unha vez referendada esa decisión polo
Parlamento Europeo e á falta da súa validación definitiva por parte das
autoridades comunitarias, Galicia, Asturias e Castela e León centran
agora os seus esforzos en promover a programación dos investimentos, así
como as actuacións concretas que se consideran necesarias para
modernizar a rede de transporte ferroviario de mercadorías e facela máis
competitiva.