A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional abre este luns, 28 de xaneiro, o prazo para
inscribirse nas probas de acceso a ciclos formativos de grao superior de
FP. As persoas interesadas poderán anotarse para realizar estes exames
ata o 8 febreiro. No caso do acceso aos ciclos de grao medio, a
inscrición estará dispoñible entre o 7 e o 22 de marzo.
As solicitudes poderanse realizar de xeito telemático desde a opción Solicitude web, dispoñible na páxina web.
A aplicación informática, que incorpora un asistente que facilita o
proceso, xera unha instancia para imprimir que se deberá presentar nun
centro de inscrición (calquera centro público dependente da Consellería
con oferta de formación profesional), xunto coa documentación que se
indique na instancia. En tanto que non se efectúe este trámite, non
quedará feita a matrícula. No caso de solicitantes menores de idade
poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as
persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.
Opcionalmente,
pódese optar por cubrir o formulario normalizado en pantalla, imprimilo
e presentalo nun centro de inscrición xunto coa documentación
necesaria. O formulario normalizado está dispoñible no portal de FP e na Sede electrónica da Xunta de Galicia. Toda a información ao respecto pode consultarse na orde que regula as probas, no Diario Oficial de Galicia.
Grao superior
Os
exames para acceder a ciclos de grao superior realizaranse o 10 de
abril. Estas probas van dirixidas ás persoas que teñan polo menos
dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba e non cumpran
os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao superior
(con carácter xeral, título de bacharelato, universitario, de técnico de
FP ou ter superado anteriormente unha proba de acceso a estes ciclos).
A
proba divídese en dúas partes, unha común (con contidos de lingua
galega, lingua castelá e matemáticas) e outra específica na que o
aspirante optará por unha única opción (A, B ou C) e, dentro dela,
escollerá dúas materias. Na opción A poderán escollerse economía da
empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés) e filosofía; na B poderá
optarse por debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e na C por
ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.
O exame dará
lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final
lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.
No caso de superación da proba, a devandita certificación incluirá a
relación de familias profesionais ás que se poderá acceder, nas
condicións de admisión que se establezan.
Grao medio
As
probas para acceder a ciclos de grao medio realizaranse o 28 de maio.
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao
medio as persoas que teñan dezasete anos ou os fagan no ano de
realización da proba e que non cumpran os requisitos académicos esixidos
para acceder a eles (con carácter xeral, título de graduado en ESO, de
FP Básica, de técnico auxiliar de formación profesional ou equivalentes,
así como calquera dos requisitos académicos de acceso a ciclos
formativos de grao superior).
A proba divídese en tres partes. Na
primeira delas, a Sociolingüística, as persoas candidatas examinaranse
de contidos das materias de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias
sociais; mentres que a segunda parte será sobre a materia de
Matemáticas. A terceira delas, a Científico-técnica, abranguerá contidos
de Ciencias da natureza e Tecnoloxía.
A proba dará lugar á
obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a
cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen. A
superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao
medio.