Madrid | Patrocinado por IdoVisual | Galicia volveu cumprir obxectivos durante a súa participación na
Feira Internacional de Turismo Fitur que remata hoxe en Madrid despois
de cinco días de intensa actividade, tanto profesional como aberta ao
público en xeral. O expositor galego foi visitado por máis de 76.000
persoas e conseguiu consolidar o atractivo da sólida oferta turística
galega grazas a unha proposta que se reforza en 2019 con novidosas
experiencia ao redor do patrimonio, da historia e da natureza.
O
expositor de Galicia acolleu máis de 40 presentacións das catro
provincias, dando resposta ás entidades que así o solicitaron.
Distribuíronse máis de 200.000 folletos e material de promoción das
entidades participantes. Mantívose contacto, ademais, con máis de 200
xornalistas e bloggers de distintas nacionalidades que acudiron ao stand
para obter información sobre o destino Galicia.
O balance revela
tamén o crecente interese dos visitantes pola gastronomía e a oferta
turística global, ademais das novidosas propostas presentadas este ano
como o turismo de mergullo ou Un paseo de historia e vida que propón
percorridos polos cascos históricos galegos para coñecer o seu
patrimonio, comercio local e gastronomía. Tamén a primeira guía de
viaxes para descubrir Galicia a través da riqueza singular das súas
árbores senlleiras, ou, entre outros, o novo itinerario que aproveita o
éxito dos Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia para achegarse
por mar a gran parte dos vestixios fenicios que aínda se conservan en
Galicia e aplicar técnicas de realidade aumentada.
Desde o punto
de vista profesional, Galicia participou no Workshops Hosted Buyers con
dez de encontros Business to Business, cos principais operadores
turísticos internacionais interesados en destinos como o galego, ricos
en cultura e patrimonio. Tamén se mantiveron reunións cos representantes
das Oficinas de Turismo de España no exterior que serviron para
realizar a planificación anual de colaboración. O sector turístico
galego tamén estivo representado no expositor de Fitur a través do
Clúster Turismo de Galicia, que mantivo máis Portugal. Francia, Alemaña,
Gran Bretaña, Italia ou Xapón.
Para todos os públicos
O
recinto estivo atendido por diferentes informadores turísticos e alí
tamén se ofreceron degustacións de produtos gastronómicos. Para iso,
contouse coa participación de 15 alumnos do Centro Superior de
Hostelería de Galicia (CSHG) acompañados de catro profesores.
Realizáronse catas comentadas das cinco denominacións de orixe
vitivinícolas, unha exhibición de Artesanía de Galicia cun obradoiro en
vivo de xoiería galega e, durante a fin de semana, o expositor de da
Comunidade acolleu actividades relacionadas coa enogastronomía, a
artesanía, o Camiño de Santiago, a música ou o teatro.
Primeiro entroido internacional
A
presenza de Galicia en Fitur viuse precedida polo recoñecemento como
Festa de Interese Turístico Internacional do Entroido de Xinzo de Limia,
que se converteu no primeiro entroido en acadalo e tamén na primeira
festa da provincia de Ourense coa máxima distinción.
Este
recoñecemento estivo moi presente durante a feira, onde tamén se
realizou unha presentación profesional ao redor destas festividades e
tamén doutras que gozan de longa tradición popular e que gozan de moi
boa saúde como a Semana Santa, sendo este o ano no que Galicia asistía a
Fitur con máis celebracións recoñecidas de interese turístico.
Galicia viaxa a Dublín
Tamén
se presentaron iniciativas consolidadas como a Ruta da Camelia ou os
Trens Turísticos de Galicia que este ano incluirán unha ruta tematizada
ao redor dos Camiños de Santiago; propostas enoturísticas como Paseando
entre viñedos e a nova estratexia Galicia Sabe, así como os festivais
baixo a marca Fest Galicia e as tres candidaturas a Patrimonio Mundial:
Cíes-Illas Atlánticas, Ribeira Sacra e Cidade de Ferrol: Porto da
Ilustración.
Fitur é a terceira feira turística na que Galicia
participa este ano. Nas pasadas semanas a oferta da Comunidade
promocionouse xa en Holanda e en Finlandia. Estes días, en paralelo a
Madrid, promóvese na principal cita do sector en Irlanda. Trátase da
Holiday World Show, o encontro celebrado en Dublín no que Galicia
participa desde o venres e ata hoxe.