Santiago de Compostela | O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou hoxe que
Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un
programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para
transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de
competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas
ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que
lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI.
Unhas
actuacións que o responsable do Executivo galego cifrou nun investimento
de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con
fondos europeos. “Móvenos a defensa das nosas industrias, dos
nosos traballadores, dos nosos portos, da nosa competitividade e a
defensa lexítima da equidade, da solidariedade entre os territorios que
conformamos España”, dixo Feijóo, durante a clausura do Encontro para o
impulso do Corredor Atlántico Noroeste, ao tempo que incidiu en que a
alianza destas tres comunidades constitúese a favor de todos e en
contenda con ninguén; baixo a vontade de estar máis cerca e máis dentro
de España e de Europa.
Unha España e unha Europa que deben
apuntalar a súa solidez económica, loxística e comercial para facer
fronte aos potentes competidores asiáticos; e que asumiron como
obxectivos o fomento da economía baixa en carbono, potenciando, entre
outras cuestións, o transporte ferroviario como alternativa ao tráfico
rodado, que produce preto da quinta parte das emisións de efecto
invernadoiro do continente.
Nesta liña, fixo fincapé en que só
cunha rede ferroviaria de transporte de mercadorías moderna, rápida e
fiable se poderá conectar o tecido empresarial do noroeste con Europa en
condicións competitivas en canto a prezo, tempos de dispoñibilidade ou
mesmo servizos de postvenda. E máis aínda tendo en conta que, ata o 50%
do prezo final dun produto pode vir determinado polo transporte.
“E
buscamos, tamén, beneficios para os nosos portos e plataformas
loxísticas, que mediante o impulso da intermodalidade terán máis
posibilidades de aproveitar a súa posición xeográfica estratéxica e
competir por novas actividades e investimentos”, engadiu. Uns beneficios
que, segundo afirmou, poden multiplicarse se se confirma que a
incorporación do Noroeste é completa e inclúe a liña Vigo-Porto, en
correspondencia co territorio da macrorrexión.
Se a unidade
política, económica e social das tres comunidades fixo posible que a
Comisión Europea aceptase a proposta de incluír no Corredor Atlántico os
itinerarios ferroviarios que van desde Venta de Baños (en Palencia) e
León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando por Ourense e Monforte de
Lemos, o responsable do Executivo galego aseverou que, grazas á
concertación de esforzos, aquela meta que entón semellaba case unha
quimera, hoxe atópase “ao alcance das nosas mans”.
Ao respecto,
sostivo que as demandas individuais serían febles e dificilmente terían
conseguido corrixir o rumbo deste Corredor Atlántico que, errónea e
inxustamente, esquecía Galicia, Asturias e gran parte de Castela e León.
Non en van, trátase dun territorio comercialmente estratéxico por ser o
extremo occidental do continente, con 7 portos de interese xeral do
Estado e novas plataformas loxísticas que multiplican a capacidade
loxística das dársenas.
“Ese primeiro triunfo foi o comezo dunha
nova misión: acadar que a entrada do noroeste peninsular no Corredor
Atlántico de Mercadorías sexa algo máis que un trazo nos mapas”,
abundou.
Facer da cooperación a forma de estar en Europa e tamén en España
Ao
longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego quixo
agradecer a presenza dos representantes institucionais, empresariais e
sindicais para “xuntos, deseñar o escenario que queremos que se execute
no futuro”. E trasladou o desexo de seguir profundando nesa aposta polo
diálogo e a cooperación.
“A defensa do Corredor Atlántico é unha
referencia: conseguiu unha inédita concertación en todos os ámbitos,
polo que estou seguro de que, se a mantemos viva, ese primeiro éxito que
alcanzamos terá continuidade en forma de investimentos e de aí, en
oportunidades, riqueza e emprego”, sentenciou.
Sobre este aspecto,
o responsable do Goberno galego lembrou que a aposta pola colaboración
territorial foi e é unha constante na acción da Xunta. “Este encontro
segue o camiño emprendido polo presidente Fraga, que entendeu, xa ao
inicio dos 90, a necesidade de unir os intereses lexítimos dun noroeste
peninsular, que non só dun noroeste español”, dixo.
Empezaba así
un diálogo e un intercambio cada vez máis intenso entre Galicia e o
Norte de Portugal que daría lugar á primeira eurorrexión constituída na
Península Ibérica. E, ese espazo, lonxe de amurallarse, foise ampliando
progresivamente, ata a RESOE –a macrorrexión do sudeste europeo-,
primeiro con Castela e León en 2010, posteriormente, xa en 2014, con
Asturias e o centro de Portugal, e máis recentemente, en 2017, tamén con
Cantabria. “De novo os territorios do norte peninsular, considerados
periféricos, fomos pioneiros na decisión de compartir recursos para ser
un único actor de primeiro nivel na Europa do século XXI, a través da
cooperación no transporte, a industria, a educación superior, o turismo
ou a demografía. Fixemos da cooperación a nosa forma de estar en Europa e
tamén en España”, afirmou, destacando que, mentres outros optaban por
un destrutivo illamento, Castela e León, Asturias e Galicia apuntalaban o
edificio da colaboración, selando en Oviedo un acordo para defender o
marco xurídico estatal, posturas comúns sobre os incendios forestais ou a
sustentabilidade do sistema de benestar, no contexto do envellecemento.
Ese
espazo foi crecendo e convencendo ata alcanzar o 50% do territorio de
España. E, o pasado 10 de setembro, as tres autonomías asinaron con
Aragón, A Rioxa e Castela a Mancha unha declaración institucional en
defensa dun novo modelo de financiamento autonómico e dunha resposta ao
serio reto demográfico.
“Os gobernos de Castela e León, Asturias e
Galicia abordamos antes, conxuntamente, e con outras comunidades, as
preocupacións comúns. Inquietudes, pero tamén oportunidades compartidas,
como o Camiño de Santiago que ten ante si o reto de facer do próximo
Ano Santo 2021 o mellor da historia”, concluíu, facendo fincapé en que
hai moitos asuntos que esixen profundar na reflexión conxunta, a suma de
esforzos e a confluencia de vontades.