A Xunta de Galicia convoca 35 prazas para
dous intercambios xuvenís na localidade de Wakayama, no Xapón, e en
Venecia, Italia, no marco do programa A Xuventude no Mundo impulsado
pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao
abeiro das relacións bilaterais que mantén con distintas entidades
noutros países. O obxectivo é facilitar o coñecemento doutras realidades
socioculturais e lingüísticas, así como favorecer e potenciar a
adquisición de habilidades e competencias non formais.
Os
destinatarios son mozas e mozos residentes en Galicia con idades
comprendidas entre os 18 e os 30 no momento de realizarse o intercambio e
que non participaran nas últimos tres anos (2016-2018) no programa. O
intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto
de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades
organizadas pola entidade de acollida. Pola súa banda, a persoa
participante farase cargo dos gastos de desprazamento ata o lugar do
intercambio, así como do seguro de viaxe, accidente e enfermidade.
Desde
a xornada de hoxe e ata o vindeiro 4 de febreiro está aberto o prazo de
inscrición. Os interesados deben enviar o formulario electrónico
dispoñible no portal web de Xuventude.
A admisión será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a
totalidade de prazas convocadas para cada intercambio: 15 para o de
Wakayama e outras 20 para a prorposta de Venecia.
Patrimonio da Humanidade
As
dúas cidades escollidas para esta experiencia teñen o recoñecemento de
Patrimonio da Humanidade. O intercambio na de Wakayama ten por lenda ‘O
Camiño Kumano Kodo’ e realizarase do 19 ao 26 de agosto deste ano. As
actividades previstas son percorrer un tramo da ruta Kumano Kodo,
visitar lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e
mozas nipóns e aloxamento durante catro días con familias do lugar.
A
irmandade entre Galicia e a rexión de Wakayama aprobouse en 1998 e,
desde entón, foron varios os programas conxuntos que desenvolveron,
sobre todo centrados no turismo e na cultura. Esta será a 17ª
experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta e a Prefectura de
Wakayama, sumando un total de 275 participantes.
Pola súa banda, o
intercambio de Venecia terá lugar do 2 ao 9 de setembro de 2019. As
persoas participantes visitarán a Basílica e a praza de San Marcos, o
Pazo Ducal, as illas de Murano e Burano, o Teatro La Fenice e o Museo de
Historia Natural. Tamén realizarán encontros con mocidade veneciana e
unha cea intercultural.
Con Venecia, este programa xuvenil comezou
o ano pasado. Este será o terceiro intercambio entre a Xunta e a
entidade Polo Técnico Profesionais I.S.S de Venecia, que suma ata o día
de hoxe 60 participantes.A Xunta aposta por facilitar
experiencias no estranxeiro á mocidade galega coa fin de mellorar as
súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus
coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e
implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para
mellorar a súa empregabilidade.