A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria
de axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia
(SUG) que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do
curso académico 2018/19, teña dificultades económicas, co obxectivo é
garantir que poidan continuar os seus estudos.
A Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas
cunha contía global de 110.000 euros, sen prexuízo de poder ser
incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas,
cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os
2.750 euros.
Poderá solicitar estas axudas o alumnado
universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha causa
sobrevida e imprevista acontecida entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de
xuño de 2019 e que estea matriculado no curso 2018/19, como mínimo en 50
créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de
grao, en calquera das universidades do SUG. No caso do alumnado ao que
lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos,
deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá
ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da
unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non
contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do
estado para o ano 2019 multiplicada por 1,50.
Na convocatoria
enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de
desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou
sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio,
enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta
para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade
familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e
outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente
acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera
dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do
procedemento administrativo común. Se a causa sobrevida e imprevista
aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de
presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao
da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o fai con
posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes
desde que aconteceu a causa sobrevida, sendo a data límite para a
presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2019.