A Xunta de Galicia abrirá xa nos
vindeiros meses o proceso para que os empregados públicos da
Administración Xeral poidan solicitar a carreira profesional, e tamén
aprobará neste primeiro trimestre a Oferta de Emprego Público
correspondente ao ano 2019, segundo avanzou hoxe no Parlamento o
conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.
Na súa comparecencia
para explicar o Acordo de Concertación Social asinado este mes entre a
Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT, Valeriano Martínez destacou que se
trata do acordo máis importante acadado na historia da Función Pública
autonómica. Por esta razón, agradeceu ás organizacións asinantes que
traballasen “con luces longas para favorecer a máis de 21.500 empregados
públicos”, e co obxectivo compartido de acadar unha auténtica
transformación da función pública.
O acordo, publicado onte no
Diario Oficial de Galicia, consta de catro eixos: a estabilidade no
emprego público, a funcionarización do persoal laboral fixo, a
implantación da carreira profesional no ámbito da Administración Xeral e
a introdución de novos dereitos para o conxunto dos traballadores da
Administración autonómica, tanto no eido retributivo como no da
conciliación social.
O conselleiro detallou que a Xunta abrirá en
poucos meses o proceso para solicitar o réxime extraordinario da
carreira profesional, con efectos desde o 1 de xaneiro. Tamén se
establecerán as condicións para acceder á carreira ordinaria, tendo en
conta xa os servizos prestados desde o 1 de xaneiro. En ambos casos,
será un sistema voluntario e consolidable que permitirá recoñecer os
coñecementos, formación, experiencia, compromiso e formación dos
empregados no seu desempeño. Os beneficiarios recibirán, de maneira
progresiva, unha contía anual por grao que vai dos 761,5 aos 2.640
euros, segundo a súa categoría.
Valeriano Martínez explicou tamén
que a Xunta tramitará en poucos meses o regulamento para facer efectiva a
funcionarización do persoal laboral. Este proceso, que xa estaba
previsto na Lei de Emprego Público de 2015, será sinxelo e totalmente
voluntario, e permitirá acabar coas desigualdades entre os empregados
públicos da Xunta. Unha vez completado, os traballadores que se
beneficien del terán máis oportunidades de mobilidade integral e
promoción profesional, ao tempo que se unificarán as listas de
contratación.
Ademais, o conselleiro reiterou a aposta da Xunta
por acadar unha estabilidade do 93%, para que Galicia siga sendo unha
das comunidades con menor temporalidade. É por isto que a Xunta
potenciará as ofertas de emprego público nos vindeiros anos, e a
correspondente ao ano 2019 será aprobada neste primeiro trimestre.
Retribucións e conciliación
O
conselleiro tamén incidiu no aumento retributivo incluído no acordo
para o período 2018-2020. A este respecto, Valeriano Martínez lembrou
que todos os empregados públicos da Administración galega –incluído o
persoal dos eidos educativo e sanitario- xa perciben na nómina deste mes
de xaneiro a suba salarial do 2,25%, que será de ata o 3% o vindeiro
ano.
Ademais, desde o pasado 1 de xaneiro, todos os empregados
públicos galegos perciben xa o 100% das retribucións en todos os
supostos de incapacidade temporal. “O compromiso da Xunta de Galicia e o
consenso acadado cos sindicatos permitiu recoller a opción máis
beneficiosa para os empregados das posibles interpretacións derivadas do
Acordo de Mellora de 2018”, explicou o titular de Facenda.
Finalmente,
sinalou que o Acordo de Concertación inclúe medidas en materia de
conciliación da vida familiar e laboral. Como novidades, referiuse á
unha bolsa de horas de libre disposición acumulables entre si, de ata un
5% da xornada anual, para favorecer o coidado e atención de maiores,
discapacitados, e fillos menores; ou as medidas para favorecer a plena
recuperación derivada da finalización de procesos de quimioterapia ou
radioterapia.