Orientación, inclusión, igualdade e coeducación serán os piares do
sistema educativo galego nos vindeiros anos, segundo salientou a titular
da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Carmen Pomar, hoxe na comparecencia parlamentaria para presentar as
liñas de actuación do seu departamento. A conselleira anunciou as
iniciativas desta "nova etapa na que todos debemos traballar para que o
sistema educativo e a universidade promovan o desenvolvemento do talento
e do liderado nos cidadáns da Galicia do século XXI".
Co alumnado
como centro do sistema educativo e consciente da necesidade de
potenciar o seu desenvolvemento persoal e profesional desde os centros
de ensino, Pomar anunciou un Plan para a dinamización da orientación
vocacional e profesional que comezará a realizarse a través da formación
permanente do profesorado e implicará diferentes actuacións para cada
unha das etapas educativas. O obxectivo é facilitarlles aos estudantes a
máxima información á hora de definir o seu futuro persoal e laboral.
Este
plan enmárcase no convencemento de que a orientación é inherente á
propia educación, xa que contribúe "á formación integral do alumnado,
con independencia das súas capacidades ou necesidades", sinalou a
conselleira. Precisamente no marco da atención á diversidade, Pomar
destacou a próxima presentación de tres novos protocolos que van dotar a
docentes e familias de instrumentos de intervención nos ámbitos da
atención educativa ao alumnado con discapacidade auditiva, con altas
capacidades e con dislexia e outras dificultades específicas da
aprendizaxe.
Igualdade e coeducación
A titular de
Educación reivindicou os resultados das estratexias Edulingüe,
Edudixital e Educonvives. Así, no marco das accións a prol da mellora da
convivencia nas aulas, Pomar insistiu no compromiso da Xunta coa
igualdade e a coeducación e afirmou que a consellería xa está a
traballar coa Secretaría Xeral de Igualdade para dotar os centros de
recursos, que contribúan "a difundir os principios da escola igualitaria
e reduzan o impacto dos estereotipos de xénero e a violencia machista",
como a elaboración dunha Guía coeducativa.
Referiuse tamén ao
Plan de Mellora das Blibliotecas Escolares (Plambe) e ao Plan Lía, que
permiten poñer en valor o papel da biblioteca escolar no centro
educativo ao tempo que melloran as competencias de lecto-escritura e das
habilidades investigadoras do alumnado. Nestes programas enmárcanse
accións como os clubs de lectura, cuxo impacto nos hábitos lectores dos
escolares se está a analizar nun estudo que será presentado nos
vindeiros meses.
Así mesmo, Carmen Pomar asumiu o "compromiso de
reforzar e actualizar as políticas dirixidas á innovación educativa".
Segundo indicou, a consellería "actuará de axente impulsor e motivador,
pero estamos ante un reto compartido de aprendizaxe colaborativa", o que
fai precisa "unha maior conexión e interrelación dos axentes
educativos" a través do Espazo galego de boas prácticas educativas que
se porá en marcha tanto en formato dixital como presencial, a través de
diversos foros.
O obxectivo é favorecer o intercambio de
experiencias e o acceso a toda a información para "coñecer mellor e
participar no proceso educativo". Nesta aposta pola comunicación e a
interacción enmárcanse tamén as novas canles denominadas Portal da
Dirección, que reforzará o apoio e a orientación destinada aos equipos
directivos, e Portal das Familias, que ofrecerá contidos específicos
sobre escolarización, elección de centro ou servizos educativos
complementarios, entre outras cuestións.
Formación Profesional innovadora
O
impulso da Formación Profesional vén sendo unha das liñas prioritarias
do Goberno galego, na que a nova conselleira quere dar un paso adiante
no ámbito da innovación. "O novo reto é axustar a formación do alumnado á
demanda dun cambiante escenario laboral e tamén pensando na
internacionalización", asegurou.
Nesta liña apuntou á necesidade
dunha maior presencia do inglés e doutros idiomas na FP galega, tal e
como demanda o propio alumnado. Así, anunciou un módulo profesional en
inglés técnico de ámbito autonómico que se implantará o vindeiro curso
en todos os ciclos formativos de nova titulación, así como a extensión a
todos os ciclos da realización de actividades complementarias en
inglés.
Carmen Pomar destacou tamén a creación dun premio de
carácter anual para promover e difundir a FP dual en Galicia e poñer en
valor a implicación da industria da Comunidade. Así mesmo, confirmou que
o seu departamento xa traballa na creación do Centro Galego da
Innovación da FP en Ourense, que terá a misión de impulsar proxectos de
innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, a xeración
de proxectos empresariais e a transferencia aplicada de patentes.
Trátase así de crear sinerxías co sector produtivo e a transferencia de
coñecemento dos centros á industria. Cofinanciado pola Deputación de
Ourense, que achegará cinco millóns de euros para obras e equipamento, o
novo centro situarase nas instalacións da antiga Escola Fogar de
Mariñamansa.
Mellora das infraestruturas educativas
A
titular de Educación referiuse tamén á forte aposta do seu departamento
na mellora das infraestruturas educativas co obxectivo de convertelas en
verdadeiros espazos de aprendizaxe e innovación ao tempo que se
reforzan os estándares de calidade das instalacións. Segundo sinalou
Pomar, disto dá mostra o incremento en case un 70% do orzamento
destinado ao Plan de dotación de infraestruturas educativas, co que se
vai xestionar un orzamento de preto de 200 millóns de euros para obras
en seis anos, fronte aos 118 millóns previstos inicialmente.
Para a
conselleira, o labor que veu desenvolvendo a Xunta en materia educativa
e as novas medidas agora deseñadas dan conta dun modelo educativo
definido, que mira cara á excelencia e cara ao futuro. Insistiu nos
resultados do sistema, avalados por múltiples informes e datos como o da
taxa de abandono educativo temperá de 2018, publicado hoxe, e que, cun
14,3%, representa a máis baixa desde que hai rexistros, ademais de
situar xa Galicia por debaixo da media marcada pola Unión Europea para
España para 2020 (15%). Neste sentido aludiu á falta de modelo do actual
Ministerio de Educación que, coa reforma que está facer, representa
unha volta ao pasado para a que, segundo afirmou, “non van contar con
Galicia”.
Universidade e talento investigador
No eido do
ensino universitario, Carmen Pomar reafirmou o compromiso da Xunta coa
universidade pública e coa función catalizadora do tecido produtivo
galego que desenvolve o Sistema Universitario de Galicia (SUG). Así,
insistiu en que as políticas autonómicas seguirán incrementado a
colaboración entre as tres universidades e a mellora da capacidade e
resultados da investigación.
Nesta liña, anunciou un Plan de
captación e retención de talento investigador, que prevé financiamento
autonómico para a contratación por parte das universidades de máis
persoal investigador. Isto farase a través de dúas modalidades
denominadas Investigador Sénior, para atraer perfís excelentes cunha
carreira acreditada internacionalmente, e Investigador Distinguido, para
novos perfís científicos en áreas de I+D de carácter estratéxico.