Patrocinado por IdoVisual | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de
subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural
galego para 2019, a través da que a Xunta inviste dous millóns de euros
en novos proxectos promovidos por produtoras galegas independentes.
Mantense así a dotación económica desta liña de apoio, a de maior contía
dentro do programa anual de axudas públicas a este sector que xestiona a
Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de
Cultura e Turismo.
Ao abeiro do devandito programa, nestes
momentos está aberto o prazo de solicitude das convocatorias destinadas a
festivais e á promoción do novo talento audiovisual galego, mentres que
proximamente serán publicadas as dirixidas ao desenvolvemento de novos
proxectos e á promoción e difusión en certames de prestixio
internacional celebrados fóra de Galicia. No caso das axudas a
producións e coproducións, as solicitudes poderán presentarse desde mañá
e ata o 28 de febreiro.
Retorno do investimento público
Estas
subvencións teñen como prioridade o impulso dun sector cultural
considerado estratéxico para Galicia, de xeito que se contribúa á
consolidación dunha industria audiovisual competitiva, con posibilidades
de exportar e de darlle rendibilidade social e económica á cultura
galega. Neste sentido, estímase que os dous millóns de euros adxudicados
en 2018 están a propiciar unha actividade no sector por valor de 11
millóns de euros, cantidade resultante da suma de orzamentos dos 13
proxectos de cine e televisión beneficiarios o ano pasado.
Estas
cifras implican que o investimento da Xunta de Galicia na produción
audiovisual obtén un retorno de 5,5 por cada un dos euros destinados a
esta liña específica de subvencións. En 2019 resolverase, ademais, a
segunda fase das axudas ao desenvolvemento e produción audiovisual cara
ao Xacobeo 2021, que foron convocadas en 2018 e a través das que a
produción do proxecto finalmente elixido será cofinanciada con ata 1,5
millóns de euros.
Modalidades
As bases das subvencións a
producións e coproducións audiovisuais publicadas hoxe volven establecer
cinco modalidades, con cadansúa subdivisión para os diferentes tipos de
propostas que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción en imaxe
real, de animación, documentais, curtas de ficción, animación ou
documentais, e longas, series e miniseries para televisión.
Na
primeira destas categorías, distínguese entre as longametraxes de
autoría galega (aquelas nas que dous dos seguintes profesionais:
director, guionista ou produtor executivo –ou só un deles no caso de
coproducións internacionais–, conten con máis de dous anos de actividade
profesional acreditada en Galicia) e as que, mesmo sen dispoñer desta
condición, contribúan a fomentar o tecido industrial do sector
audiovisual galego e posúan, ao tempo, un especial valor
cinematográfico, cultural e social. Nesta categoría valorarase
igualmente a vocación e capacidade de internacionalización dos proxectos
presentados.
As longametraxes cinematográficas de animación e as
documentais con especial valor cinematográfico son o obxecto das
modalidades B e C, mentres que a D céntrase no apoio á produción de
curtas de autoría galega. Por último, a modalidade e destínase a
traballos televisivos co obxectivo de impulsar a realización de
longametraxes, miniseries e series de ficción, longas documentais e
series de animación infantil e xuvenil para seren emitidas por este
medio.
O orzamento destinado ás categorías A, B, C e E distribúese
en tres anualidades, situando o maior esforzo económico na segunda
delas para coincidir co período no que previsiblemente se iniciarán as
rodaxes dos traballos subvencionados. No caso das curtametraxes, para as
que se reservan especificamente 60.000 euros, a distribución será en
dúas anualidades. As bases completas