O turismo rural acadou un máximo
histórico ao longo de 2018 ao rexistrar un total de 217.735 viaxeiros
aloxados, o que supón un 0,6% máis que no ano anterior e un crecemento
do 68% durante o último lustro.
Os datos difundidos hoxe polo
Instituto Nacional de Estatística (INE) permiten constatar a notable
evolución que esta tipoloxía turística está a experimentar desde 2013,
dado que hai só cinco anos a cifra total de viaxeiros nas casas de
turismo rural era de 129.179.
Malia que este sector amosou en 2017
un comportamento moi por riba do esperado, en 2018 foi quen de superar o
seu resultado no total de viaxeiros. Por outra banda, obsérvase unha
redución no que se refire ao número de pernoitas no último ano, aínda
que novamente se sitúa moi por riba dos datos acadados no período
analizado. Se en 2013 o total de pernoitas en turismo era de 259.151, en
2018 rematou con 416.423, é dicir, un 61% máis.
Ao marxe destes
aspectos cuantitativos, a Consellería de Cultura e Turismo, de man do
sector, traballa na aposta pola calidade, en liña co modelo turístico
xeral da Comunidade. Neste sentido, prepara un novo Plan Estratéxico de
Turismo Rural, no que vén centrando importantes esforzos nos últimos
meses para darlle un impulso decidido a esta modalidade de aloxamento,
vinculada en especial a zonas rurais do interior e ao turismo mariñeiro.
Modernización de aloxamentos
Neste
sentido, aspírase a aumentar os vínculos dos establecementos coa oferta
e os recursos que cada xeodestino ofrece, a fin de xerar unha
experiencia integral para o viaxeiro que afonde nos aspectos
diferenciadores máis singulares de ditas comarcas.
Igualmente, os
establecementos de turismo poderán beneficiarse das axudas previstas no
Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, aprobado no Consello da
Xunta da semana pasada, e que contén numerosas subvencións de diversos
departamentos autonómicos e actuacións complementarias para actualizar e
renovar a oferta aloxativa da Comunidade.