A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da
Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao
litorais das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá, 1 de
febreiro. Ademais, desde as 04,00 horas, quedará tamén activado o nivel
de alerta laranxa por vento nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Segundo
informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase a partir de
mañá, venres, mar combinada do oeste con ondas entre 8 a 9 metros e
vento do oeste de forza 8, que afectará ao oeste e suroeste da provincia
da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra. No resto do litoral
haberá nivel laranxa.
A Xunta alerta tamén dun fenómeno
meteorolóxico adverso por vento, de nivel laranxa, que se iniciará ás
04,00 horas do 1 de febreiro, e que afectará á Coruña, Lugo e
Pontevedra. Haberá vento do sur e suroeste con rachas que poderán
superar os 100 quilómetros por hora. Nas provincias de Lugo e Ourense
haberá alerta laranxa por neve, que pode acadar acumulación de neve en
22 horas de 20 cm. Está previsto que de comezo esta noite.
Suspensión das clases na Montaña de Lugo e Ourense
A Comisión
Escolar de Alertas tomou hoxe a decisión de suspender mañá, venres 1 de
febreiro, a actividade lectiva nas zonas de predición meteorolóxica da
Montaña de Lugo e Montaña de Ourense debido a un fenómeno meteorolóxico
adverso de nivel laranxa por espesores de neve superiores a 20
centímetros.
A suspensión de clases afectará, na zona de montaña
de Ourense a 1282 alumnas e alumnos de 17 centros en 12 concellos. Na
montaña de Lugo quedarán sen clase 788 alumnas e alumnos de 14 centros
en 11 concellos.
Como é habitual nestas circunstancias, no caso de
que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado
nas zonas non afectadas pola suspensión, os directores poderán adoptar
as decisións oportunas a este respecto.A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.
Suspensión actividades pesqueiras e marisqueiras
Por
mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades
pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis
perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a
outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as
medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de
actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Por
este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de
Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos
das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e
agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos,
entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas
para garantir a seguridade dos bens e das persoas. . Ademais,
aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.