O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que Galicia conta
xa cunha Estratexia de cambio climático e enerxía co fin de que a
comunidade sexa o antes posible neutra en emisión de gases de efecto
invernadoiro. “Estamos a falar dunha folla de ruta a longo prazo co
obxectivo de alcanzar a neutralidade climática en 2050”, dixo,
precisando que o documento define catro ámbitos específicos de
actuación.
Logo de subliñar que as emisións de gases de efecto
invernadoiro en Galicia estímanse no ano 2016 en 27,9 millóns de
toneladas de CO2 -un 4,7% por debaixo do ano 1990 e un 22,4% por debaixo
do ano 2005-, e presentan un comportamento máis favorable que as
emisións do conxunto de España no mesmo período –Galicia é a terceira
Comunidade que máis está reducir as súas emisións respecto a 1990-,
Feijóo destacou o compromiso de trazar unha estratexia, co conxunto dos
galegos, para acadar os obxectivos que se marca a Xunta: reducir as
emisións de gases de efecto invernadoiro do 25% en 2030 e de máis do 80%
en 2050.
Para acadar esta meta, o responsable do Goberno galego
subliñou que o sector primario e o medio natural serán piares
fundamentais da solución. Non en van, os montes galegos suman unha
superficie de máis de 2 millóns de hectáreas que representan un 56,6% do
territorio da Comunidade.
Ademais, a estratexia aposta por un
modelo enerxético baseado nas enerxías limpas e a mellora da eficiencia
enerxética en todos os sectores, e avoga , tamén, por sumar esforzos
das distintas administracións, empresas, entidades e da poboación,
definindo obxectivos e distribuíndo responsabilidades.
“E
apostaremos polo talento investigador e pola innovación na Comunidade
para converternos nunha rexión exportadora de coñecemento”, aseverou, ao
que engadiu que esta estratexia será o marco para que Galicia capte
fondos para desenvolver actuacións fronte ao cambio climático á vez que
xera novas oportunidades empresariais, abre novas liñas de negocio,
fomenta o emprego verde e fixa poboación.
Tras meses de traballo, a
Estratexia identifica catro ámbitos de actuación cos seus
correspondentes obxectivos: dous deles establecidos pola axenda
internacional -a mitigación para afrontar o cambio climático desde as
súas causas e a adaptación-; e, outros dous definidos polo Goberno
galego -a investigación e a innovación; e a educación, sensibilización e
gobernanza.
En relación ao primeiro ámbito de actuación, Feijóo
explicou que a mitigación, terá como obxectivo reducir as emisións de
gases de efecto invernadoiro e aumentar a absorción de CO2.
A
adaptación fixa tres retos principais: desenvolver e manter redes de
observación e modelos climáticos adaptados a Galicia. Todo elo, a través
de medidas entre as que se inclúen a elaboración dun estudo sobre a
vulnerabilidade da costa ou a mellora dos sistemas de resposta ante
eventos extremos.
No eido da investigación e innovación, o
presidente da Xunta subliñou a importancia da transferencia de
coñecemento activo e eficaz das medidas, para elaborar mapas de
coñecemento e capacidades do territorio. E, no ámbito social, avanzou
tres obxectivos principais: incidir na educación e concienciación
social, garantir o compromiso da Administración pública galega e
impulsar a gobernanza climática transversal.
Neste último eido, xa
se teñen dado os primeiros pasos coa posta en marcha, a principios de
ano, da Oficina do pacto dos alcaldes, na que se fixo unha inversión de 1
millóns de euros e da que forman parte xa 23 concellos e 15 están en
proceso.
Así mesmo, cómpre salientar que as medidas clasificaranse
segundo o seu estado de desenvolvemento en medidas en implantación,
medidas en programación e medidas en estudo.
Plan operativo 2018-2023
Ao
longo da rolda de prensa, Feijóo salientou que o Goberno galego conta
xa co primeiro Plan operativo 2018-2023 que permitirá continuar e poñer
en marcha máis de 120 medidas, coordinadas entre os distintos
departamentos da Xunta.
Deste xeito, nos vindeiros anos,
impulsaranse medidas como a elaboración dun mapa de carbono orgánico dos
solos e fomentaranse medidas de seguimento; aprobaranse instrumentos de
xestión integrada do litoral e un plan de adaptación de costas (portos)
ao cambio climático; e avaliaranse os impactos sobre as poboacións
mariñas, o visor descrito.
Feijóo destacou o traballo da Xunta
nesta senda desde hai varios anos, con iniciativas xa en marcha como a
rehabilitación da envolvente das vivendas de protección oficial para
reducir as emisións de carbono; o plan de incentivos ás enerxía
renovables; as axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética en
diversos sectores, como o sector industrial, o pesqueiro e acuícola; ou
as medidas destinadas á prevención e xestión de riscos derivados de
catástrofes naturais, son outros exemplos de iniciativas que se levarán a
cabo. E, de cara á fomentar a mobilidade e o transporte sostible,
ademais da intermodalidade, poranse en marcha os Sistemas de transporte
Intelixente, que incluirán redes intelixentes de semáforos, peaxes
automáticos canalizados, pasando pola xestión integral de autopistas e
túneles, ata o deseño de dispositivos intelixentes incorporados aos
vehículos comerciais e de transporte de pasaxeiros.
Por último, e
para a captura de carbono, desenvolveranse axudas destinadas á
reforestación, ao fomento da silvicultura; e impulsarase a utilización
de instalacións, equipamentos en común e maquinaria agrícola en réxime
asociativo.
“En definitiva, Galicia ten o obxectivo de ter os
documentos finais da Estratexia e do primeiro Plan Operativo e
aprobación da estratexia en xuño de 2019, un feito que nos da
credibilidade nos Fondos Europeos, nos da credibilidade no conxunto de
España e tamén no comité de Rexións de Europa”, sentenciou.