O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta autorizou a
extensión do modelo de autobús compartido para garantir a mobilidade no
medio rural. Esta modalidade fai posible empregar as prazas vacantes dos
autobuses escolares para o transporte regular de pasaxeiros. Feijóo
lembrou que isto permitiu que desde 2017 “300.000 usuarios
aproveitaran prazas que anteriormente estaban vedadas para os viaxeiros
normais e que ían baleiras nos autobuses escolares”.
Feijóo
avanzou que a Xunta vai a cumprir o compromiso de “renovar todo o mapa
de servizos de autobús interurbano da comunidade a través do Plan de
Transporte Público de Galicia” no ano 2019. O presidente da Xunta
incidiu en que xa na primeira fase se reforzará a aposta polo autobús
compartido, de forma que se prevé que esta modalidade acade preto do 35%
do transporte escolar da comunidade. “Imos a licitar 1.917 rutas que
chegarán a 280 centros educativos e suporán 100 contratos”, engadiu.
A
primeira fase, que se someterá a información pública, consolidará a
renovación do sistema de transporte público interurbano posta en marcha
en agosto de 2017 en parte do territorio galego. Quedaría cuberta toda a
provincia de Ourense, gran parte da provincia de Lugo, preto da metade
da de Pontevedra e bastantes zonas da provincia da Coruña.
A
segunda fase de reorganización das liñas de transporte de Galicia farase
a finais de 2019 co obxectivo de que “o 55% do total do transporte
escolar sexa compatible co transporte de viaxeiros”.
Feijóo
destacou como novidade que, fronte ao que xa está a funcionar desde
2017, “a integración do transporte escolar realizarase en función dos
centros educativos”. Isto significa que serán compartidas todas as liñas
relacionadas cun colexio para facilitar a xestión e atención aos
usuarios. Desta forma, deixarán de convivir nun único centro de ensino
liñas de autobús compartido con outras que non o son.
A
Consellería de Educación conservará as súas competencias respecto da
declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a
organización das áreas educativas, horarios e xornadas. Ademais,
garantirase o correcto funcionamento do transporte dos escolares,
blindando a atención das necesidades do alumnado con respecto aos
horarios e paradas.
Desde a posta en marcha do autobús compartido
en 2017 incrementáronse un 37% o número de quilómetros percorridos,
triplicáronse o número de paradas e rebaixáronse as tarifas, nalgúns
casos ata o 80% de abaratamento. Feijóo destacou que “as enquisas
realizadas revelan que 3 de cada 4 cidadáns consultados avalían
positivamente os servizos de autobús compartido”.