Vigo | A directora da Axencia Galega de
Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe o demostrador do
proxecto Sistema de Servizos Integrados (SSI) ou Buque sen cables,
desenvolto no marco da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Estaleiro do
Futuro, na que participaron a empresa Navantia e a Universidade da
Coruña, co apoio da Xunta, entre os anos 2015 e 2018 e que agora comeza a
súa etapa de consolidación ata 2021.
Á demostración deste
sistema, que permitirá reducir o volume de cables nun buque, ao mesmo
tempo que permitirá incorporar as tecnoloxías 4.0, asistiron tamén o
delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, así como
representantes de Navantia e das universidades da Coruña e da de Vigo,
que tamén colabora co proxecto. O sistema é compatible co xa instalado
nas fragatas F-100 e previsiblemente tamén se implementará nas novas
fragatas F-110 da Armada Española, sempre que o permitan os resultados
tecnolóxicos e temporais.
O Sistema de Servizos Integrados (SSI),
como así se chama este proxecto, permite concentrar e integrar os
sistemas distribuídos de datos e comunicacións dun buque nunha soa
infraestrutura, reducindo o volume de cableado e o seu custo de
instalación asociado, coa posibilidade de incorporar funcionalidades
asociadas ao concepto ‘buque intelixente’. De feito, o sistema incorpora
7 das 13 tecnoloxías habilitadoras do 4.0: a impresión 3D, a Internet
das Cousas, o Big Data, a ciberseguridade, as tecnoloxías da nube, o
backbone dixital e a realidade aumentada.
As vantaxes deste
sistema son, na parte eléctrica, a redución de pesos e prazos de
instalación, flexibilidade e capacidade de crecemento moi superior aos
deseños actuais. Asemade, supón un aforro de cableado de arredor do 20%,
unha redución da potencia eléctrica do alumeado en arredor do 50% e dá
soporte ao Estaleiro 4.0 no tocante á conectividade in-situ, ademais de
despregar funcionalidades adicionais no ámbito dos sistemas de control e
comunicacións, dando un paso máis cara o Buque 4.0.
Continuidade a través da consolidación da Unidade Mixta
Os
traballos previos realizados no marco da Unidade Mixta, como o
desenvolvemento do demostrador do sistema piloto, que permite avaliar a
viabilidade da súa implantación final no buque, continuarán na fase de
consolidación da Unidade Mixta Estaleiro do Futuro cos traballos de
industrialización: desenvolvemento dos prototipos de pre-fabricación,
que se agarda estean dispoñibles no segundo semestre de 2019, a
fabricación das primeiras unidades operativas no primeiro trimestre de
2020 e a certificación destas unidades no segundo semestre de 2020.
A
Unidade Mixta Estaleiro do futuro contou cun orzamento total de preto
de 5 millóns de euros, entre as fases de creación e consolidación, e
cunha axuda pública de preto de 1,5 millóns de euros ata 2021. As
Unidades Mixtas de Investigación son agrupacións de grandes empresas e
centros de coñecemento que colaboran para impulsar a I+D+i en sectores
estratéxicos para Galicia. Desde que se iniciou este programa, a Xunta
leva apoiadas 39 unidades mixtas -31 de nova creación e 8 de
consolidación-, a través das que se están mobilizando 114 millóns de
euros e se crearon ou consolidaron 580 empregos cualificados.