A Consellería de Sanidade, a través da
Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de editar un folleto divulgativo
sobre a prevención da lexionelose nos fogares. O documento non só
recolle unha serie de recomendacións que os particulares poden adoptar
nos seus fogares para previr a lexionelose, senón tamén unha breve
explicación sobre a enfermidade pulmonar causada pola bacteria
legionella e os mecanismos de transmisión.
As medidas recomendadas
pola Dirección Xeral de Saúde Pública para evitar o contaxio da
lexionelose nos fogares son moi sinxelas. Entre elas cabe destacar o
manter limpos os difusores de duchas e billas, limpalos con cepillo,
cando menos unha vez ao ano, e desinfectalos con 10 pingas de lixivia
diluída nun litro de auga durante 30 minutos. Tamén convén utilizar
difusores de pinga grosa, é dicir, con buratos grandes.
Se o fogar
dispón dun acumulador de auga, convén manter a temperatura do mesmo por
riba dos 60ºC e non apagalo pola noite. Tamén convén abrir as billas de
pouco uso (como poden ser as dos aseos sen uso, billas do garaxe...)
unha vez á semana, deixando que a auga, tanto fría como quente, corra
uns minutos. En caso de ausentarse do domicilio durante un tempo (días,
semanas...) convén á volta, abrir todas as billas e deixar correr a auga
un pouco.
Outra das recomendacións que fai a Dirección Xeral de
Saúde Pública para evitar o contaxio da lexionelose nas nosas casas é
realizar un mantemento profesional axeitado de todos os elementos e
cambiar aqueles que se atopen en mal estado (oxidados, rotos...). No
caso de que se faga algunha obra de fontanería no domicilio ou que se
modifique a instalación, convén non deixar tubaxes que non teñan saída
de auga ou que faciliten o estancamento desta.
En total, a
Dirección Xeral de Saúde Pública editou 400 folletos impresos. Ademais,
calquera persoa que o desexa tamén pode consultar o documento a través
da web do Sergas, no apartado de Saúde Pública.
Transmisión da bacteria
A
lexionela é unha bacteria que vive habitualmente en augas superficiais e
que está presente, de xeito natural, nas augas de ríos, encoros, pozos,
mananciais, depósitos... Dende aí pode chegar á auga das nosas casas, a
través do abastecemento. Non se transmite nin ao beber auga, nin por
inxerir alimentos, nin de persoa a persoa (sá ou enferme), nin a través
dos animais.
A exposición das persoas a dita bacteria pode
producir a lexionelose no caso de respirar aerosis, é dicir, pingas moi
pequenas de auga con aire, que se producen sobre todo nas duchas. A
lexionella protéxese da acción dos desinfectantes cando existe biofilm
ou incrustacións nas paredes interiores das tubaxes e o rango de
temperaturas da auga nas que medra é de 20ºC-45ºC, sendo a máis
favorable son 37ºC.