O secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía, no Pazo da
Cultura pontevedrés, na II Gala organizada pola AMEGA (Asociación de
Medios en Galego) con motivo do Día dos Medios en Galego, que conta co
apoio da Secretaría Xerla de Política Lingüística.
Valentín García
lembrou na súa intervención que “houbo un momento en que mesmo os
galegofalantes mostraban pouca disposición e alegaban dificultades para
ler o xornal en galego, unha lingua na que non foran alfabetizados”. En
cambio, o secretario xeral considerou que “hoxe en día, coa xeración
mellor formada da historia no idioma propio de Galicia, estamos ante
outro tempo novo cheo de oportunidades para espallarse e medrar, para
informar en galego do máis afastado tan ben como calquera outro medio do
mundo e, do máis próximo, como ninguén”.
A gala, conducida por
Mónica Martínez, contou coas actuacións do humorista Xosé Antonio
Touriñán e da cantante Ugia Pedreira. Os obxectivos do encontro
organizado pola AMEGA son anunciar e chamar a atención sobre o Día dos
Medios en Galego, para difundir así o coñecemento d’O Tío Marcos como
iniciativa pioneira e innovadora pola temática, polo uso do humor e
polos xeitos de distribución. Ademais, pretende visibilizar os actuais
medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na
realidade próxima, así como animar os restantes a empregaren máis o noso
idioma propio. A data escollida para a conmemoración, o 7 de febreiro, é
a da saída á rúa, en 1876, do primeiro xornal integramente escrito na
lingua propia de Galicia: O Tío Marcos d’A Portela.
Apoio ao galego nos medios
A
Xunta de Galicia, ademais de desenvolver campañas institucionais nos
medios que empregan o galego como único idioma de comunicación, ten unha
liña de subvencións exclusiva para empresas que realicen publicacións
periódicas escritas integramente nesta lingua. Estas poden beneficiarse,
ademais, das axudas xerais para empresas xornalísticas e de
radiodifusión que contribúan á normalización do idioma e da cultura de
Galicia. A Secretaría Xeral de Medios publica anualmente diferentes
convocatorias pertencentes a ambas as liñas de subvencións, das que se
benefician arredor de 20 medios que empregan o galego de maneira
exclusiva.