Ferrol | A directora da Axencia Galega de
Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe na
presentación da fase de consolidación da Unidade Mixta Estaleiro do
futuro, na que colaboran Navantia e a Universidade da Coruña. Nesta nova
etapa, a iniciativa dará continuidade á maioría das liñas de
investigación e proxectos abordados na fase de creación e incorporará
novas liñas, co reto de afondar na industrialización dos logros
acadados.
Despois do éxito acadado na etapa anterior na que se
desenvolveron cinco liñas de investigación e quince actuacións ou
proxectos concretos co fin de acometer os retos tecnolóxicos e
industriais do novo programa de fragatas F-110, os obxectivos concretos
desta etapa son: a transformación dixital do estaleiro, a optimización
de todos os procesos produtivos, o desenvolvemento dunha nova planta e a
introdución de tecnoloxías disprutivas. Na súa intervención, Patricia
Argerey destacou dous exemplos dos fitos acadados pola Unidade: o
demostrador do Sistema de Servizos Integrados ou “Buque sen cables”, que
visitaron o pasado venres en Vigo e que permitirá reducir
significativamente o volume de cables nun buque ao tempo que incorpora
as tecnoloxías 4.0; e o emprego de UAVs (vehículos aéreos non
tripulados) para a inspección dos buques.
Avanzar cara un novo modelo industrial en Galicia
A
directora de Gain subliñou o carácter estratéxico desta alianza que,
cun orzamento total de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública
do 30% deste importe, permitirá non só aumentar a competitividade de
Navantia, senón tamén crear un marco de colaboración estable
empresa-universidade e arrastrar ao tecido produtivo auxiliar a que
aposte pola dixitalización.
Esta unidade inscríbese no reto 2 da
Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a folla de
ruta da innovación en Galicia, que persegue avanzar na implantación dun
novo modelo industrial na Comunidade, a través, entre outras vías, do
incremento da competitividade das industrias con máis peso na economía
galega -como a naval- grazas ao aumento da súa intensidade tecnolóxica.
Cómpre destacar que este reto foi o que concentrou a maior porcentaxe
das axudas dende a posta en marcha da RIS3 (3 de cada 4 proxectos
apoiados). En concreto, entre as Unidades Mixtas de Investigación, o 64%
están aliñadas con este obxectivo de avanzar cara un novo modelo
industrial, así como cos obxectivos da Axenda Industria 4.0 do Igape.
Balance do programa de Unidades Mixtas de Investigación
A
Xunta está comprometida coa transformación dixital dos sectores
industriais da economía galega, non só a través do programa de Unidades
Mixtas de Investigación, senón doutros instrumentos como a liña de
axudas para a Fábrica Intelixente, que apoia grandes proxectos
empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial
galego, ou o impulso á creación dos Hubs de Innovación Dixital, unha
nova estrutura de colaboración público-privada que agrupará aos axentes
do ecosistema de I+D+i en Galicia en ámbitos estratéxicos co obxectivo
de impulsar a transformación dixital do tecido empresarial.
No
tocante ao programa de Unidades Mixtas de Investigación, desde a súa
creación no ano 2013, ten permitido apoiar 39 unidades mixtas que teñen
permitido atraer innovación cara Galicia en sectores estratéxicos como o
naval, a automoción, o aeronáutico ou o sector saúde. Cun apoio público
de 34 millóns de euros, mobilizáronse 114 millóns de euros e creáronse
ou consolidáronse 580 empregos cualificados.