O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reiterou a
necesidade de aumentar en torno a un 26% as prazas MIR de medicina de
familia e un 23% as prazas de pediatría con respecto do exame MIR de
2017. En concreto, solicitou acadar na próxima convocatoria as 124
prazas para a especialidade de medicina de familia e incrementar en seis
prazas a de pediatría (ata un total de 26 prazas MIR desta
especialidade).
Nunha reunión celebrada esta tarde coa ministra de
Sanidade, María Luisa Carcedo, Almuiña falou da necesidade de tomar
medidas urxentes ante a falta de especialistas. Neste senso, destacou
que as comunidades autónomas deben facer un esforzo e facilitar ao
Ministerio de Sanidade as prazas que considera prioritarias, que no caso
de Galicia son as de medicina de familia e pediatría.
Almuiña
asegurou que dende o Ministerio de Sanidade comprometéronse a responder e
confirmar antes de xullo se estas prazas serán acreditadas e así poder
ofertalas na próxima convocatoria MIR, un total de 124 prazas de
medicina de familia e 26 de pediatría que serían o máximo histórico da
nosa comunidade.
Esta actuación permitiría dispoñer destes
especialistas dentro de catro anos, período no que se espera unha maior
carencia destes profesionais pola concesión de prórrogas na idade de
xubilación en moitos dos servizos de saúde. Tamén paliaría a brecha
existente entre graduados en medicina e prazas MIR ofertadas.
A
eliminación da taxa de reposición para as especialidades deficitarias é
outro dos asuntos abordados no encontro. Almuiña destacou que nas
especialidades de medicina de familia e pediatría temos unha taxa de
reposición entorno a un 100-108% pero é insuficiente para recuperar as
prazas que durante a crise non se puideron convocar. A eliminación da
taxa de reposición permitirá dar máis estabilidade aos profesionais que
agora mesmo están traballando sen vínculo laboral fixo.
O
conselleiro tamén reiterou á ministra de Sanidade a redución dos prazos
de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos
de especialistas extracomunitarios. Na reunión tamén se abordou a posta
en marcha dun Rexistro Estatal de Profesionais sanitarios, que permitirá
mellorar a planificación de profesionais a nivel estatal e coñecer a
necesidades de especialistas.