Santiago | O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, presidiu hoxe en Santiago unha xuntanza con empresarios e
sindicatos en compañía da ministra de Industria, Reyes Maroto, para abordar as
súas necesidades e tamén as oportunidades que teñen de cara ao futuro. Neste
contexto, o líder socialista contrastou “a política económica activa” que está
poñendo en marcha o goberno que dirixe Pedro Sánchez co “abandono” que a Xunta ten
inflixido ao sector industrial.
“A dereita plantea a política
económica como un mecanismo de axuste orzamentario e de recortes, e non ten
capacidade de involucrarse cos actores e co tecido produtivo”, explicou o
máximo dirixente do PSdeG, quen fixo fincapé na perda de pulo do sector
industrial en Galicia na última década.
Tanto é así, incidiu Gonzalo
Caballero, que o propio Consello Económico e Social “suspendeu” á Xunta no
relativo á política económica e industrial. “E un ano despois, aínda non tomou
ningunha decisión importante para apoiar o tecido produtivo ou para que o Igape
teña capacidade de tracción e impulso”, reprobou.
Fronte a isto, o líder dos
socialistas galego reclamou “unha estratexia de acción industrial a medio ou
largo prazo”, que teña en conta -enumerou- cuestións relativas ao
financiamento, á formación do capital humano, ao tecido produtivo, ás
estratexias de internacionalización e á innovación tecnolóxica. “Porque en
Galicia segue habendo un retraso comparativo”, advertiu antes do inicio dunha
xornada con medio centenar de dirixentes empresariais.
"Recuperar o peso perdido"
Pola súa banda, Reyes Maroto
explicou que o goberno socialista está “impulsando la política industrial que
necesita España y, sin duda, Galicia para recuperar el peso perdido en siete
años de ausencia” do ministerio de Industria.
Na súa segunda xornada en
Galicia, destacou o “éxito” do Plan Reindus, con 23 proxectos industriais en
Galicia beneficiados con máis de 60 millóns de euros. “Queremos acompañar al
sector para que siga creciendo, y para que Galicia recupere el peso industrial
que nunca debería haber perdido”, engadiu.
Ademais, puxo o foco na
situación de Alcoa antes de manter unha xuntanza co seu comité de empresa, e
aproveitou para informar da creación dunha mesa de seguimento que traballe na
procura dunha “solución” para os traballadores afectados.
En paralelo, destacou que os
orzamentos do Estado son “buenos” para Galicia, tanto pola “agenda social” que
incorporan como porque a inversión per cápita sitúase “por encima de la media
de España”, con 280 euros por galego fronte a menos de 260. Departamento de comunicación