O
conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou esta tarde no
Parlamento galego a próxima elaboración dunha nova lei de prevención e
extinción de incendios forestais, dada a gran aposta que fai a Xunta
nesta materia. Fíxoo durante a súa comparecencia, a petición propia,
para dar conta das liñas estratéxicas do seu departamento. Así mesmo, o
titular de Medio Rural aproveitou a comparecencia para facer balance dos
lumes rexistrados o pasado ano, que foron 1.426, afectando 2.608
hectáreas de superficie. En todo caso, insistiu en que “tres de cada
catro incendios rexistrados na nosa comunidade son provocados pola man
do home”, polo que reiterou que se traballa arreo na investigación,
sendo tamén necesaria a colaboración cidadá, que se vai fomentar e
facilitar coa posta en marcha dun teléfono anónimo de denuncia da
actividade incendiaria.
Neste contexto, o conselleiro defendeu a
importancia da recente modificación da estrutura da consellería, coa
creación dunha dirección xeral específica de Defensa do Monte, que
xestiona xa todo o relacionado coa prevención e a extinción. Como
exemplo deste labor, destacou o plan de pastos en extensivo que comezará
no concello ourensán de Cualedro coa adecuación dunhas 300 hectáreas,
para funcionar tamén como ferramenta de loita contra o lume.
José
González lembrou tamén a importancia da implicación e colaboración de
todas as administracións con competencias na materia. Neste sentido,
advertiu que esa cooperación se recolle no convenio asinado entre a
Xunta e Fegamp, que converte a Galicia nun territorio pioneiro en Europa
ao contar cun sistema público de xestión da biomasa que facilitará a
propietarios e municipios cumprir coas súas obrigas ao respecto. Así,
reiterou que este acordo conta cun investimento de 28 millóns de euros
en catro anos e sinalou que a el xa se adheriron máis de 150 concellos.
Ao mesmo tempo, José González anunciou que se vai abrir a todos os
municipios da comunidade que aínda non se sumaron.
O conselleiro
enmarcou todo este labor dentro das políticas forestais do seu
departamento, que están a seguir –dixo– as recomendacións da comisión de
reforma forestal do Parlamento en eidos como a planificación dos
recursos, o impulso ao Plan forestal de Galicia, a creación dun
inventario forestal ou a posta en marcha dunha comisión de
simplificación normativa, entre outras decisións. Así, salientou que a
consellería incrementou nun 222% as partidas destinadas á elaboración
dos plans de ordenación forestais (PORF) dos distritos. Neste mesmo
sentido situou a recente creación, dentro da consellería, dunha
dirección xeral específica para a Planificación e Ordenación Forestal,
que desenvolverá todas estas cuestións.
Nun plano superior de
ordenación do territorio, que integraría o forestal e o agrogandeiro, o
conselleiro fixo especial énfase nunha ferramenta clave, como é o
catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal de
Galicia. Así, dixo que este instrumento está a ser elaborado en
colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
seguindo as recomendacións da comisión parlamentaria de reforma
forestal. Trátase, segundo sinalou González, de desenvolver unha
planificación integral do territorio rural e dos usos do solo,
baseándose nas súas diferentes aptitudes, para favorecer a recuperación e
posta en valor da terra. Algo que se fará, explicou o conselleiro,
mediante un texto legal no que está a traballar a Xunta, como é a futura
lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.
Nesta
liña, José González afondou na necesidade desta norma polas especiais
características do solo rústico na nosa comunidade, que está composto
nun 75% por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios, na
súa maioría, desligados do rural. O conselleiro puxo en relación esta
realidade coa indubidable capacidade agronómica da terra en Galicia, así
como coa clara demanda de terreo produtivo. Por iso, concluíu, “é
precisa unha reforma lexislativa que favoreza a mobilización da terra
produtiva, poñendo en conexión a oferta e a demanda, e nela estamos a
traballar xunto co Grupo parlamentario popular”.
Sector lácteo
Ademais
de centrarse nesta planificación do territorio rural, o conselleiro
afondou nas medidas deseñadas pola Xunta en eidos estratéxicos como o
lácteo. Así, salientou a posta en marcha dunha Estratexia de
dinamización do sector, contando con todos e cada un dos axentes
implicados, para facer fronte a retos como a súa profesionalización, a
rendibilidade das explotacións, a mellora da súa base territorial ou a
reforma da Política Agrícola Comunitaria. Precisamente, en relación con
esta última, insistiu nas demandas de Galicia que a Xunta está a
defender en todos os foros, como son a existencia dunha PAC forte e
debidamente dotada de orzamento, que teña en conta as peculiaridades da
nosa comunidade. Entre as demandas de Galicia está unha discriminación
positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, porque aí
están, dixo, “a maioría das nosas explotacións”. Lembrou ademais a
iniciativa de creación dun grupo de traballo específico para acordar cos
sectores implicados a posición da nosa comunidade na elaboración do
plan estratéxico español.
Sobre a situación do lácteo, o
conselleiro destacou a súa estabilidade e a mellora da transparencia na
cadea de valor, pero insistiu en que é preciso falar de marxes de
beneficio e non unicamente de prezos para describir a súa evolución.
Malia todo, lembrou que nos últimos dous anos os prezos medraron un 6,4%
e a produción creceu por riba do 5% en Galicia.
En relación coa
remuda xeracional no agro, José González enxalzou a importancia de
incorporar xente nova e lembrou que na última convocatoria de axudas
foron 382 os mozos que recibiron axuda nesta liña. Neste sentido,
destacou que foi el precisamente o que reclamou dende o Parlamento unha
rebaixa da presión fiscal sobre os agricultores mozos beneficiarios
destas axudas, unha medida que agora vén de ser referendada pola
Xustiza. Neste sentido, avanzou que o Goberno galego quere ir mais alá e
establecer a imputación fiscal destas axudas nun período non inferior
aos cinco anos, o mesmo que se lle esixe de permanencia na actividade a
estes mozos.
A maiores, o titular de Medio Rural avogou por dotar
aos produtos lácteos de maior valor engadido mediante a súa
transformación e, neste sentido, salientou o papel clave que desenvolve a
Axencia Galega da Calidade Alimentaria en aspectos como a formación, a
innovación e o impulso da calidade diferenciada dos nosos produtos.
Sobre
o traballo desta axencia, destacou iniciativas como a creación de
unidades mixtas de investigación con empresas do ámbito forestal e
agrogandeiro para desenvolver liñas de investigación e valorización
conxuntas e mobilizar capital privado ou a creación dunha reserva
xenética vexetal de Galicia.