A agricultura ecolóxica en Galicia mantén a tendencia positiva e, a
falta de pechar definitivamente o balance anual de 2018, os datos
provisionais indican que a facturación chegou a superar os 80 millóns de
euros. Este incremento é posible grazas a que aumenta tanto a
superficie certificada nun 15% como o número de operadores nun 13%.
Estes
datos foron facilitados na feira de ecoloxía máis importante a nivel
internacional, Biofach, en Núremberg, pola delegación trasladada dende a
nosa comunidade para apoiar ás empresas galegas que se promocionan
nela. Esta delegación está presidida polo director da Axencia Galega da
Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e nela participa tamén o
secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia
(Craega), Javier García.
Deste xeito, a Consellería do Medio Rural
acompaña ás 13 empresas galegas que participan no certame que son:
Conservas del Noroeste (Connorsa), conservas Orbe, frutos El Nogal,
Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Orballo
Innovaciones Forestales, Porto-Muíños, Producto de Aldea, Green
Mixology, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica SL) e Coracai. Todas
elas compartirán durante catro días un posto duns 120 metros cadrados
divididos en dúas illas diferenciadas, nas que farán promoción dos
produtos agroalimentarios ecolóxicos galegos. Ademais, o director da
Agacal manterá un encontro con todos os produtores fóra do horario da
feira de cara a coñecer as súas impresións e necesidades.
O custo desta actuación que organiza o Craega ascende a uns 55.000
euros, para os que conta con 36.000 euros de axuda da Consellería do
Medio Rural, a través da orde de promoción que cada ano convoca para os
produtores amparados baixo un réxime de calidade. Ademais, o Igape apoia
as empresas participantes con axudas para a estancia e o traslado, a
través do Galicia Exporta, programa que a Consellería de Economía,
Emprego e Industria acaba de reforzar na actual convocatoria cunha
dotación de 8 millóns de euros.
A feira Biofach é unha cita
imprescindible no mundo da alimentación ecolóxica e todo o que ten que
ver coa sustentabilidade en xeral, pois o encontro está considerado como
un dos importantes a nivel internacional na materia. Recibe máis de
50.000 visitantes en cada edición e conta cuns 3.000 expositores de 129
países, entre os que estarán os produtores galegos. Precisamente a
presenza neste tipo de feiras é crucial porque permite non só acadar
novos clientes, senón tamén coñecer as preferencias dos consumidores
para poder desenvolver os produtos que demanda o mercado.