Logo de avaliar no Consello da Xunta o informe da Consellería de
Facenda sobre o avance do peche do exercicio de 2018, o presidente da
Xunta, Núñez Feijóo, confirmou hoxe que Galicia cumpriu o pasado
ano os tres obxectivos de estabilidade orzamentaria e avanzou que
pedirá ao Goberno central autorización para reinvestir o superávit, tal
como xa habilitou en 2018 o Goberno de Rajoy.
Se ben as cifras
deberán ser confirmadas polo Ministerio de Facenda nos vindeiros meses,
Feijóo subliñou, en primeiro lugar, que o documento non só constata que a
Administración autonómica cumpriu en 2018 o límite de déficit público,
que era do 0,4%, senón que pechou o exercicio con superávit contable:
duns 125 millóns de euros. É dicir, con máis ingresos que gastos, grazas
ao bo comportamento dos ingresos tributarios, a consecuencia da
recuperación económica e pola chegada de ingresos extraordinarios; e,
pola liquidación do período de fondos comunitarios 2007-2013.
Precisou
que se trata dunha situación inédita na última década, xa que é a
primeira vez, desde 2002, que Galicia acada superávit contable. O
responsable da Administración autonómica incidiu na importancia de poder
reutilizar, logo dunha planificación, ese superávit á investimentos
financeiramente sostibles. “Galicia quere utilizar estes 125 millóns en
investimentos en materia de sanidade, en materia de educación e en
materia de servizos sociais” sentenciou.
En canto ao límite da débeda, o presidente da Xunta subliñou ademais
que en 2018 Galicia conseguiu reducir o seu endebedamento por segundo
ano consecutivo, ata baixar a ratio ao 18,07%, por debaixo do límite do
18,4% autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, o que
consolida á Comunidade como a autonomía que menos incrementou o seu
volume de débeda pública nos últimos dez anos.
“Neste momento
estamos entre as catro comunidades con menos débeda de toda España,
cando no ano 2008 estabamos entre as catro con máis débeda. E, grazas a
isto, evitamos a emisión duns 4.000 millóns de euros de débeda”, dixo,
precisando que o obxectivo para este 2019 é seguir na senda da redución
do endebedamento.
Como terceiro punto, o responsable do Goberno
galego sinalou que o informe ratifica tamén que en 2018 Galicia
axustouse ao límite da regra de gasto, un mecanismo que ten como
obxectivo evitar consolidacións procíclicas de gasto na Administración,
evitando un aumento excesivo dos gastos estruturais que, en épocas de
dificultade non poidan ser afrontados. “É dicir, evitar os erros do
pasado que levaron á crise”, explicou, precisando que Galicia cumpriu en
2018 a regra de gasto, que para ese exercicio era do 2,4%, evitando a
aprobación dun plan de axuste, obrigatorio cando unha administración a
incumpre.
Como consecuencia disto, Feijóo lembrou que Galicia
mantén intacto o seu autogoberno, pode conceder avais ás empresas para
seguir medrando e pode utilizar unha taxa de reposición de efectivos
públicos do 108%, o que se traduce en máis prazas nas oposicións, como
se está a ver nestas últimas semanas.
Por último, o titular da
Xunta aseverou que o documento acredita ademais que Galicia volveu ser
en 2018 a comunidade de referencia no pagamento a provedores, cun tempo
medio de pago de 13,3 días, é dicir, 22 días antes que a media
autonómica (35,3 días) e 16,7 días por debaixo do límite de 30 días que
establece a lexislación estatal. Feijóo lembrou que “Galicia é a maior
pagadora de toda a Comunidade, aboando cada ano unhas 550.000 facturas”.
“En
resumo, Galicia cumpriu un ano máis os obxectivos de estabilidade
orzamentaria: cumprimos déficit, débeda, regra de gasto e pagamento a
provedores e, en 2018, Galicia achegou solvencia ao conxunto de España.
E, por esa razón, queremos que o Goberno nos permita utilizar o
superávit contable para aprobar neste 2019 un plan de novos
investimentos a prol dos galegos”, abundou.